Códice Calixtino, espectáculo xurídico

anton_negroTeoricamente o xuízo polo roubo do `Códice Calixtino’ comeza nesta semana. Digo teóricamente, porque para moitas persoas e algunhas institucións a sentenza xa está ditada. As esperanzas de que fose un proceso xudicial normal teñen pouca base na realidade. Destaco varios feitos que me chaman a atención:
1º. A TVG xa emitiu sentenza antes de que houbera xuízo. Esta afirmación está xustificada porque os pasados días 23 e 30 de Nadal emitiu os dous capítulos dunha serie de produción propia sobre o roubo do `Códice Calixtino’, e ante este feito un pregúntase dende o sentido común: onde queda a presunción de inocencia? como queda a tutela xudicial efectiva das diversas partes involucradas no proceso? ¿onde queda o dereito a un xuízo xusto? estase respectando o que é un estado de dereito? Todo isto agrávase ademais polo feito de que a TVG é unha institución pública e que, por tanto, ten que respectar a separación de poderes e igualmente os dereitos dos cidadáns.
2°-. Durante a instrución do sumario o xuíz instrutor publicou a novela, `La leyenda del santo oculto’, que foi presentada a finais de xaneiro de 2013, e os xornais reiteradamente a presentaron como vencellada ó sumario do `Códice Calixtino’. Isto parece soar a algo así como utilización do cargo público para o lucro privado, ou algo aínda menos aceptable… Evidentemente a promoción para que se vendan moitos exemplares da novela está feita, aínda que para min isto é motivo máis que suficiente para non mercar a antes citada novela, nin sequera lela por cuestións éticas ou, ó menos, estéticas.
No mesmo xulgado sucedeu algo semellante coa novela, `Al infiemo se llega deprisa’, publicada en setembro de 2014, que os medios de comunicación relacionaron directamente coa instrucción do sumario de Asunta Basterra.
3º. Hai indicios de que no xuízo van a provocar moito o MORBOSO tanto para a sociedade coma para o Xurado Popular. As previsións apuntan a que vai haber insinuacións, e algo máis que insinuacións, anticlericais para que «embistan» os periodistas, o xurado e a sociedade.
Para un observador deste proceso vai resultar curioso como se contan historietas ou pseudo-historietas elevadas á categoría de gran escándalo. Despois un pode observar como as mercan os programas televisivos na liña dos `reality shows’ ou telelixo, como as repiten continuamente e as van cambiando para que sexan aínda máis morbosas e escandalosas. Este proceso mirado como espectáculo e sen preocupación, pola xustiza ata pode ser curioso e divertido. Sen embargo facerse unha idea exacta do que sucedeu na realidade vai a ser un traballo penoso e difícil.
A estas altura do proceso aínda queda a esperanza de que o xuíz e o fiscal actúen con profesionalidade buscando a xustiza, e senón aínda quedaría unha segunda oportunidade cos recursos ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ata agora o proceso visto como espectáculo mediático-xurídico resultou entretido, pero sería desexable conseguir unha sentenza xusta.
Antón Negro

Reanúdase o Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Os días 17 de xaneiro e 7 de marzo ten lugar en Silleda o Módulo de Educación Afectivo-sexual, que tamén forma parte  do 2º ano do Curso de Formación en Matrimonio e Familia. A primeira sesión, o día 17, terá os seguintes relatorios e comunicación de experiencias:

  • 1º relatorio – Cuestións clave en bioética hoxe en que afectan ao meu matrimonio e á miña familia

  • 2º relatorio – A sexualidade como camiño de plenitude: a maduración da masculinidade e a feminidade

  • 3º Relatorio-coloquio: Mensaxes integradas: como responder ás preguntas sobre educación sexual a fillos de cinco a dezaoito anos

  • Experiencias: Acompañando aos mozos na vocación ao amor: experiencias na etapa universitaria (Residencia Universitaria A Estila, Santiago de Compostela)

    Tamén haberá traballo en grupos, momentos de oración e unha Eucaristía cando finalice a xornada.

    O encargado dos relatorios é o Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Jokin de Irala.

Viaxe-peregrinación a Terra Santa dun grupo de lucenses

Renovación promesas bautismais en Caná de Galilea

A Parroquia da Milagrosa organiza unha viaxe-peregrinación por Terra Santa.

Non é imprescindible para a fe visitar Terra Santa. Para a fe é imprescindible ter a experiencia de atoparse con Cristo resucitado, e isto prodúcese en calquera lugar do mundo, porque é unha experiencia que transcende os límites xeográficos…

Esta viaxe, na que teño posta moita esperanza, é unha oportunidade de poñer unha imaxe aos lugares dos que fala o Evanxeo. Seguro que a miña forma de vivir a fe, de ler a Biblia e de facer oración será distinta.

O grupo formámolo 45 persoas, das que nove somos sacerdotes. Case todos nos coñecemos das parroquias de Lugo e estamos en familia. A experiencia dos primeiros días está resultando moi boa: todo sorprendente e todo novidade, fóra diso unha nevada que fixo cambiar algunhas cousas. Polo demais, sen sensación de perigo e con tranquilidade nese sentido.

Xa visitamos Cesarea, o monte Carmelo, o Lago de Galilea, o monte das Benaventuranzas e da multiplicación dos pans, Cafarnaún, Caná, Nazaret, o monte Tabor, o Lugar do Bautismo de Xesús no Xordán, o monte Nebo, Xericó, Betania, Xerusalén. Na parte simplemente turística da viaxe visitamos Xerasa, Petra, o mar Morto, Masada e penetramos no deserto, con paseo en camelo incluído.

En Caná os matrimonios renovaron os compromisos matrimoniais. No Xordán todos renovamos as promesas bautismais. Ademais, todos os días celebramos a Misa nalgún lugar significativo e lemos as pasaxes bíblicas que mencionan o acontecido nos lugares que visitamos.

Miguel Ángel Álvarez

Celebracións de San Antón Abade

No soto da Praza de Abastos de Lugo o día 16 ás 18h o Padre Amado impartirá a Bendición aos animais.

O sábado 17 de xaneiro ás 17h na Capela da Soidade hai unha Eucaristía en honra de San Antón Abade. Trala Misa faráse a imposición do santo aos presentes e a bendición de animais. Son actos organizados pola Orde Franciscana Segrar.

O mesmo día a aldea da Cubela celebra a festa en honor a San Antonio. Procesión e misa solemne á 1 da tarde.

Tamén o 17 de xaneiro, ás 13:30h antes da Eucaristía na honra de San Antón, haberá bendición de animais no adro da igrexa do Hospital, Quiroga.

Por que cansamos?

José Manuel Estamos nuns días nos que aínda están tomando forma proxectos, desexos e ilusións que é común formularse cando empeza un ano novo ou cando emprendemos unha nova etapa na nosa vida.
Pero, desgraciadamente, tamén é moi común que abandonemos pronto as primeiras ideas que nos viñeron á cabeza, que as sigamos considerando como unha utopía e que cansemos. E entón, volta á rutina.
Cansamos porque perdemos a fe en nós mesmos, nas nosas potencialidades… e perdemos tamén a fe nos demais. Experiencias negativas, aínda que só fose nunha ocasión, convencéronnos de que non podemos esperar nada dos demais. E o fastío invádenos, porque cando un queda só… deixa de ser humano.
Cansamos de novo cando nos sorprenden os informativos con mortes froito da violencia. É inconcibible que se busque acabar coa vida doutras persoas en nome de Deus ou de Alá … e volvemos perder a fe na raza humana. «Alá é grande», pero nós somos moi pequenos se por vingar o seu nome matamos a 12 persoas. Claro que Deus é grande e por iso quere que nós o sexamos tamén. Creounos ao seu xeito.
No último domingo do tempo de Nadal, a liturxia da Igrexa quere que miremos para o bautismo do Señor. Pois miramos. Porque esta mirada pode axudarnos a coñecernos mellor. Hai moitas cousas na nosa vida que recibimos sen telas pedido, outras que as temos sen decatarnos, pero forman parte da nosa personalidade. Unha delas é o bautismo, unha realidade que nos capacita para transcender as realidades cotiás e axúdanos a superar os cansazos que nos abaten. Pero é imprescindible crelo así.
Existen máis potencialidades na nosa alma, no noso espírito que no noso corpo. Se recuperamos a fe en nós mesmos, a fe nos demais e a fe en Deus poida que consigamos facer cousas que nunca imaxinásemos poder facer… e non cansemos.
Un neno absorto na súa emoción, grita, corre, chora, non dorme, pero non  cansa porque sabe que o seu pai ou a súa nai poden darlle todo aquilo que necesita… entón descansa feliz. Unha situación parecida puidémola ver en torno a noite de Reis. A fe dos nenos si que move montañas. E sempre conseguen o que se propoñen.
Polo bautismo os cristiáns entramos a formar parte da Igrexa e recibimos xa en potencia as realidades futuras nas que cremos. Somos liberados do pecado que nos impide avanzar, que nos impide confiar nos demais e nas nosas potencialidades. Nacemos a unha nova realidade, unha nova dimensión na que si son posibles os proxectos ilusións e esperanzas que aniñan no noso corazón. Pero temos que crelo para que sexa realidade. Isto recórdame unha mensaxe que circula polas redes sociais: «Fíxoo porque ninguén lle dixo que era imposible». Que non lle quitemos a ilusión a ninguén.

José Manuel Castro Alba

A %d blogueros les gusta esto: