Católicos, sociedade e política

Durante os días 30 e 31 do pasado mes de xaneiro celebráronse en Lugo, as xomadas `Católicos e vida pública’ sobre o tema: `Católicos, sociedade e política. Compromiso e coherencia’. As xornadas son unha iniciativa da Asociación Católica de Propagandistas e a fundación San Pablo CEU, e xorden tralo éxito alcanzado polos congresos católicos e vida pública que se organizan desde o ano 1999 en Madrid. Aínda que é o primeiro congreso que se celebrou en Lugo, non é a primeira vez que a Asociación Católica de Propagandistas colabora coa Diocese.

As famosas e históricas xornadas Abertas de Teoloxía que se celebran ininterrumpidamente na Diocese desde fai 28 anos, naceron como froito dunha estreita colaboración coa Asociación Católica de Propagandistas.

Agora, en Lugo, retomouse de novo esta temática de tanto interese para a Igrexa e para a sociedade. O risco de separar a fe da razón, da ciencia, da política, do compromiso social e económico está e estará sempre presente. Aínda hoxe atópome con moitos interlocutores que pensan que crer non é razoable e que a ciencia ten sempre a última palabra. Escuras razóns inciden nesta triste realidade.

Con todo, a Igrexa desde o Concilio Vaticano II e a través de moitos documentos, recorda na súa doutrina oficial a necesidade ineludible de unir a fe e a razón, a fe e a ciencia, así como a existencia cristiá á política, á economía e a todas a realidades terreas.

Hai unha moi significativa exhortación dos bispos españois do ano 1985 na que se insiste en todas estas realidades, baixo o título `Testemuñas do Deus vivo’. E unha instrución da Conferencia Episcopal Española do ano 1986, titulada `Os católicos na vida pública’ tiña como fin esencial impulsar a presenza e a intervención dos cristiáns na vida político-social. Outros moitos documentos pontificios e da Conferencia Episcopal Española inciden nesta temática.

Esta misión de renovación permanente e dinamismo apostólico da Igrexa con respecto á sociedade se fundamenta na mesma condición humana e na concepción antropolóxica cristiá. Como seres creados por Deus para a relación e para a convivencia, o cristián non pode permanecer á marxe do mundo e das preocupacións dos seus irmáns.

Creados para a salvación integral, os cristiáns senten a chamada a coidar dos demais e da natureza no seu conxunto.

A xusta autonomía das cousas creadas non debe impedir a preocupación da Igrexa e de todos os cristiáns e católicos pola cousa pública. Nin reclusión dos cristiáns á sancristía como moitos pretenden, nin imposición por ningunha das partes dun determinado modelo de sociedade. No contexto dun san pluralismo, todos estamos chamados ao respecto mutuo e á colaboración. Somos cristiáns e cidadáns. E sen estas calidades non se entende Europa nin España.

Por outra banda, aínda que as formas de estar e facerse presentes na sociedade deben expresarse de xeitos diferentes nos sacerdotes, relixiosos ou relixiosas e no laicado, ninguén debe sentirse excluído desta vocación á misión. Aos laicos diríxese dun modo especial a chamada da Igrexa.

Ela quere facerlles caer na conta de que a Caridade, principal virtude cristiá, non se esgota nos traballos persoais, servindo aos demais de un en un, senón que ten unha dimensión social e política.

A dedicación á política e en xeral, ás actividades públicas pode estar movida, certamente, pola procura egoísta de vantaxes persoais, pero é tamén unha forma eminente de exercicio da caridade (a chamada caridade política) á que están especialmente chamados os católicos segrares.

A Igrexa quere acompañar a estes segrares máis comprometidos na vida pública, de dúas formas especialmente: axudándolles a integrar harmónicamente ese compromiso na súa vida de crentes e ofrecéndolles oportunidades de preparación específica para a vida pública. A esta realidade queren responder os congresos e outras actividades organizadas pola Igrexa para que o determinante dun católico á hora de emitir o voto sexa sempre o ben común e a consideración dos máis necesitados.

Por Mario Vázquez, Vicario Xeral

Final do triduo na honra de Don Bosco

triduo Don Bosco final

Na Catedral de Lugo concluíu o triduo en honor a Don Bosco, cunha Eucaristía presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Na súa homilía recordou unha frase de San Xoán Bosco na que expresaba a necesidade de acompañar e de educar, coa razón, o amor e a relixión. Considerou isto Mons. Alfonso Carrasco como unha síntese prodixiosa. Ademais, non se trata únicamente dunha frase que pode resultar máis ou menos feliz, senón que o importante está en que Don Bosco viviuna. Por iso fixo moitos amigos e daba gusto estar aos seu carón para aprender. Concluíu Mons. Alfonso Carrasco desexando que a maior graza e fecundidade chegue ás comunidades salesianas.

Concluído o Curso de Educación Afectivo-Sexual en Silleda

Curso afectivo sexual en Silleda
O COF Diocesano de Lugo organizou un curso de Educación Afectivo-Sexual para axentes de pastoral os días 30 e 31 en Silleda. Participaron 43 persoas, entre elas tres sacerdotes e un bispo, dúas relixiosas, uns 15 mozos universitarios, 10 mestres e profesores, e un pequeno grupo de catequistas. Foi impartido por Begoña Ruiz Pereda, FSCC, licenciada en ciencias relixiosas e responsable de formación de formadores de a Fundación Desarrollo y Persona.
O curso abordou temas como “Da atracción ao amor como tarefa”, e realizáronse dous talleres prácticos, un deles para aprender a responder preguntas reais que fai a mocidade.
A valoración global do curso foi moi positiva por parte de todos os asistentes. A experiencia levou a confirmar a necesidade de formarse ben neste tema e varias delegacións de distintas dioceses galegas xunto coa Fundación COF Diocesano de Lugo proxectan para o próximo curso, 2015-2016, unha formación de 30 horas en Educación Afectivo-Sexual.

“Este ensinar con autoridade é novo”

A opinión dos que vían actuar a Xesús é unánime: a forma que Xesús ten de facer e falar é absolutamente nova, ademais de facelo cunha autoridade indiscutible. Así o escoitamos no Evanxeo da misa do Domingo IV do Tempo Ordinario.

Noutra ocasión será o mesmo Xesús quen diga que El vén facer novas todas as cousas.

A novidade que nos chega con Xesucristo segue sendo a mesma logo de 2000 anos. Nada do que El fixo ou dixo fíxose vello, segue conservando a frescura e orixinalidade do primeiro día. Deus non pasa nunca, de aí está perenne validez das palabras de vida do Fillo de Deus.

Nun mundo vello e con demasiados tópicos, quizais innecesarios, necesitamos acudir sen medo e con decisión a Xesucristo para escoitar a súa palabra de vida, para que nos faga criaturas novas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

I Xornadas Católicos e Vida Pública

I Xornadas catolicos e vida publica 2

Os días 30 e 31 de xaneiro no Gran Hotel Lugo terán lugar as I Xornadas Católicos e Vida Pública, baixo o título “Católicos, Sociedade e Política. Compromiso e coherencia”, co seguinte programa:

Venres 30

19:00 h. Inauguración

19:30 h. Conferencia O compromiso sociopolítico do cristián

Relator: D. Raúl Mayoral Benito, Adxunto á Presidencia da Fundación Universitaria San Pablo CEU. Director Gerente do Patronato da Fundación Cultural Angel Herrera Oria.

Sábado 31

10:00 h. Conferencia Crise política, crise económica e crise social: unha visión desde a doutrina social da Igrexa

Relatora: D.ª Elena Otero-Novas Miranda, Avogada do Estado. Patrono da Fundación Universitaria San Pablo CEU. Secretaria Xeral do Consello de SACYR.

11:30 h. Descanso

12:00 h. Mesa Redonda Os católicos: espectadores ou protagonistas? Participación na vida pública

Modera: D. Alfredo Losada Suárez, Delegado do Apostolado Segrar da Diocese de Lugo.

Relatores: D. José Vázquez Portomeñe, Licenciado en Dereito, Subdelegado do goberno en Lugo ata 2012.

D. José Juan Videla Rodríguez, Doutor en Ciencias da Información e Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.

D. José Mª. Núñez Pérez, Licenciado en Dereito. Delegado da Axencia Tributaria de Lugo.

14:00 h. Clausura

16:30 h. Acto Cultural (visita á Catedral)

18:30 h. Visita libre pola cidade de Lugo

20:00 h. Eucaristía na Catedral Presidida polo Bispo de Lugo, Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco, .

A %d blogueros les gusta esto: