Cáritas leva a cabo a acción divulgativa “Grandes mulleres”

Cáritas Diocesana de Lugo, xunto coa Asociación Enriqueta Otero e Aliad Ultreia, desenvolve unha acción de empoderamento feminino con motivo da celebración o día 8 de marzo do Día da Muller.

A acción levarase a cabo na mañá do día 6 no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros e do día 7 ao 13 do mesmo mes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

Con tres paneis visualízase a acción cunha mensaxe de positividade, autoestima e fortaleza.

Nos dous primeiros paneis, baixo o lema Grandes mulleres, hai fotos de féminas da historia que loitaron polos dereitos civís, nas artes ou nas ciencias. O terceiro panel, baixo a mesma lenda, permanecerá tapado por unha cortina que se espera as participantes abran. Ao facelo, todas atoparán a unha gran muller que lles resultará moi coñecida: elas mesmas veránse reflectidas nun espello formando así parte do elenco de mulleres loitadoras, mulleres importantes, mulleres que fan historia; porque elas mesmas son tamén grandes mulleres.

Exercicios espirituais organizados pola Delegación de Apostolado Segrar

Do venres 6 ao domingo 8 de marzo de 2015, hai exercicios en Sobrado dos Monxes, impartidos polo prior, D. Carlos Gutiérrez Cuartango

Do venres 13 ao domingo 15 de marzo de 2015, tamén hai exercicios na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo, impartidos polo sacerdote, misioneiro comboniano, párroco de Palas de Rei e anexas, D. Juan Antonio Fraile Gómez. Comezan o venres 13 de marzo ás 19:00 e rematan o domingo 15 de marzo co xantar. A pensión completa son 38 €/día e son 12 € só xantar ou 10 € só cea.

“Unha luz na noite” o día 7 na igrexa de San Pedro, Lugo

unha luz na noite día 7 de marzo
Despois da boa experiencia da anterior “Unha luz na noite” (20 de decembro) na que colaboraban as outras dioceses de Galicia, o sábado 7 de marzo serán 42 os mozos de Lugo participantes na 2ª edición. Trátase de propoñer a outros mozos a que entren na igrexa de San Pedro (Lugo) para ter un momento de oración a partir das 24h.

Asembleas da Confraría da Virxe da Esperanza e da Adoración Nocturna

A Insigne da Confraría da Virxe da Esperanza celebra a súa Asemblea Xeral Ordinaria o 6 de marzo ás 20:30 h na Parroquia de Santiago a Nova, sé da Confraría. Veranse as contas e memoria de actuacións do ano 2014 e do actual. Nomearanse ou ratificarán contadores e ratificarase o nomeamento dun vocal. Os confrades farán as súas propostas e recibirán os novos estatutos. Tamén se prepararán os actos do Luns Santo.

O Seminario acolle o sábado día sete, ás sete da tarde, unha Eucaristía en acción de grazas, pola recente asinatura (22 de xaneiro) do decreto que declara «venerable» a Luis de Trelles e Noguerol, fundador da Adoración Nocturna. A Eucaristía estará presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Seguidamente, no salón de actos do mesmo Centro, dará comezo a asemblea anual regulamentaria con informes da Xunta directiva. Finalizará coa degustación dun viño no mesmo Seminario.

Semana Vocacional no Colexio A Milagrosa

Entre os días 6 e 13 de marzo hai unha serie de actividades solidarias no Colexio A Milagrosa, das Fillas da Caridade en Lugo:

  • Oración, o día 6 ás 11h

  • Sorteo dunha camiseta e un balón, asinado polos xogadores, do Clube Baloncesto Breogán.
  • Rastrillo”

Horario: Sábado 7 de marzo (11:30 – 13:30) (18:30 – 20:30)

Domingo 8 de marzo (10:00 – 14:00) (18:30 – 20:30)

Luns, martes, mércores e xoves (13:30 – 18:00)

O diñeiro recadado vai destinado a financiar os proxectos solidarios programados pola Pastoral do colexio, tendo prioridade os alumnos con necesidades.

Canción Misioneira. O venres 13 clausúrase a Semana Vocacional coa celebración do Festival da Canción Misioneira.

A %d blogueros les gusta esto: