Santa Teresa e o Ano Xubilar Teresiano

teresa-de-jesus1

Parecía xurdida doutro planeta e doutra terra. Pero era unha muller de carne e óso que nacera en Ávila un 28 de marzo de 1515. Desde a súa infancia sentiuse atraída pola grandeza do Deus de Xesucristo, que lle chamaba á santidade e á perfección. Consciente da profunda discriminación do feminino na sociedade de entón, no canto de lamentarse, dedicouse á oración, a pensar, a construír e a cooperar. Máis aló do paternalismo social e do pensamento dominante producido por varóns, esta muller de gran altura intelectual e literaria, de temple e coraxe sen igual, con forza e determinación, sementou a nosa terra de comunidades e monasterios, escribiu obras asombrosas e fixo tantas cousas boas e santas, que un século despois, sería beatificada por Paulo V e canonizada o 12 de marzo de 1622 por Gregorio XV.

Virxe, namorada de Cristo, Teresa de Cepeda e Afumada, hoxe é máis coñecida por Santa Teresa de Xesús. Con San Juan de la Cruz sitúase no máis alto do misticismo cristián. Por iso non soamente é considera patroa dos escritores, senón e sobre todo, unha gran mestra de espiritualidade na historia da Igrexa, e tamén relixiosa e fundadora das Carmelitas Descalzas, desde fai uns anos presentes na nosa Diocese no lugar de Muxa. Por esta e outras razóns é a primeira Doutora da Igrexa, proclamada así o 27 de setembro de 1970 polo Papa Paulo VI.

É verdade que nos separan cinco séculos da historia da súa vida, outros eran os tempos e os acontecementos, pero sen dúbida hai moitas semellanzas e analoxías con bastantes das situacións que agora estamos vivindo. Se aqueles eran tempos recios, de reformas e novidades, de urxente, nova e necesaria evanxelización, tamén agora son así os nosos tempos. As dificultades, as complexidades do cambio de época, tamén necesitan de mulleres capaces de influír e transformar a inxusta e violenta sociedade na que vivimos.

A vida contemplativa e comunitaria, os mosteiros como espazo de convivencia, de acollida e de silencio, o pensamento sereno, a oración, a meditación, a capacidade de emprender, de cooperar, de chamar á santidade e á perfección, o misticismo, a literatura de “altura”, a boa educación, o coidado da terra e o amor á natureza, a loita pola xustiza, a denuncia dos malos tratos, son valores tan necesarios entón como agora. Por iso, urxe recuperar a Teresa e traer a súa figura e exemplo aos nosos días. Os santos son, todos eles, os grandes modelos que temos que recuperar. Teresa, a de Xesús, a de Ávila, o é dun modo especial. Pola súa mediación e intercesión poderemos atopar de novo o tesouro da verdade alí onde está, no Deus do Amor e no interior de nós mesmos.

Para iso, un medio que nos pode axudar é a peregrinación que organizada pola Diocese terá lugar os días 17, 18 e 19 deste mes a Salamanca, Alba de Tormes e Ávila. Un numeroso grupo de peregrinos, tralas pegadas da Santa, participaremos en diversos actos organizados con motivo do Ano Xubilar; visitaremos a fermosa exposición das Idades do Home e buscaremos a graza xubilar naquelas terras sagradas.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Curso Rexional de Pastoral da Saúde

Curso Pastoral Saúde

O XXXVII Curso Rexional de Pastoral da Saúde celébrase baixo o título “Outra mirada é posible, cun corazón novo”, os días 24 e 25 de abril na Hospedería de San Martiño Pinario de Santiago.

As congregacións relixiosas e asociacións eclesiais relacionadas coa Pastoral da Saúde dispoñen dun espazo na Hospedería onde instalar un stand. Así cada congregación pode dar a coñecer o seu carisma e as súas iniciativas apostólicas.

VENRES, 24 de ABRIL

10h Acollida e entrega de documentación

10:30 h Oración inicial. Saúdo presentación

11 h Relatorio: “Unha mirada á asistencia sanitaria: diferentes modelos de atención” Dra. Leticia Hermida Porto (Hospitalización a domicilio, A Coruña)

13 h Relatorio: “Claves para coidar a mirada e o corazón”

P. Gastón Gabriel Aquino. Guanelliano. O. Pastoral de Arca

Sor Luisa María López León. Filla de Santa María da Providencia

17 h Mesa redonda: “Outra mirada, outro corazón son posibles”

Dr. Luciano Doval Domínguez. Presidente da Hospitalidade de Lourdes da Coruña

Dra. Pilar Álvarez Padín. Médico de residencia sociosanitaria

Dña. Patricia Fra López. Responsable diocesana de Radio María

19 h Eucaristía na igrexa de San Fructuoso

21 h Cea e actividade lúdica

SÁBADO, 25 ABRIL

8:30 h Laudes

10 h Relatorio: “A arte de coidar coidándose”

D. Jesús Martínez Carracedo. Dtor. do Dpto. de Pastoral da Saúde da Conferencia Episcopal Española

12:30 h Eucaristía no Convento das Madres Carmelitas Descalzas con motivo do Ano Xubilar Teresiano

16:30 h Visita guiada pola contorna da Catedral

Vacacións – convivencia na Costa Brava para os maiores de Samos

Desde que en 1989 a Fundación O Noso Lar organiza as vacacións – convivencia para os maiores de Samos, con respecto ao litoral, tan só quedaba por visitar a Costa Brava. Lugar no que se estará este ano, concretamente en Platja d’Aro, do 14 ao 21 de abril. Aproveitarase o itinerario ata a cidade de Girona para coñecer Logroño e o Pilar en Zaragoza. Desde Platja d’Aro serán visitados os seguintes lugares de interese: Figueres, Sant Feliu de Guíxols, Pals, Palamós, Ampuries, Girona.

Trátase dunhas vacacións-convivencia nas que hai un clima de amizade, humor e alegría. Son momentos entrañables que axudan a cultivar e compartir o mellor de cada un.

Xornada de portas abertas no Seminario o día 11

Seminario lucense

A Xornada de Portas Abertas é unha iniciativa do Seminario Diocesano dirixida fundamentalmente ás familias e a outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario, particularmente a proposta educativa e o funcionamento do Seminario Menor. Constará dun saúdo no Salón de Actos, coa presentación xeral do Seminario Menor, e despois unha visita guiada ás instalacións, coa presenza de algúns profesores e seminaristas como anfitrións.

Este primeiro encontro de Portas Abertas para o curso 2015-2016 terá lugar o sábado 11 de abril, a partir das 11 da mañá, e cunha duración aproximada de dúas horas. Posteriormente, a finais de maio, haberá un encontro dirixido aos rapaces futuros posibles candidatos ao Seminario, para unha xornada de convivencia. Seguramente tamén naquela data se ofertará de novo unha experiencia de Portas Abertas para as familias que o desexen.

Viaxe a Zamora para participar no Memorial Luis de Trelles

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna Española organiza para o sábado, 11 de abril, unha viaxe a Zamora para participar nos actos do “Memorial Luís de Trelles” que organiza a súa Fundación e que, este ano, con motivo da recente asinatura polo Papa do decreto no que se declara Venerable ao fundador, terán unha brillantez especial.

A saída será ás nove e media da mañá do citado día 11, desde a Mosquera, realizando paradas na Ronda da Muralla diante do edificio da Xunta, e en “Fonte dos Ranchos”.

A %d blogueros les gusta esto: