Concerto solidario organizado por Mans Unidas

Concerto Mans Unidas banda

O domingo día 17 de maio de 2015, ás oito da tarde, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, celebrouse un Concerto a beneficio dos proxectos que a Delegación de Mans Unidas Lugo financia este ano en Ghana e India.

Actuaron a Banda Municipal de Lugo (foto superior), dirixida por Rosendo Ivorra Jover, e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

Todo o diñeiro recadado cos 5 euros de donativo que custa cada unha, será destinado aos dous proxectos que se financian este ano por parte de Mans Unidas da diocese de Lugo no terceiro mundo: o primeiro en Ghana consistente na construción dun pavillón cirúrxico, e o segundo en India de mellora da situación sanitaria en 15 pobos co 95% da súa poboación por baixo do limiar da pobreza.

Os privilexios da Igrexa Católica

Foto Mario

Escoito e contemplo con certa dor e estupor, como desde algúns sectores sociais, afírmase con rotundidade que a Igrexa dispón de privilexios fiscais e de importantes axudas do Estado retraídas dos impostos dos cidadáns. Ata lin, nalgúns medios e nas redes sociais, invencións tan esaxeradas como que os sacerdotes e relixiosos non cotizan a Facenda.

Convén lembrar, en honor á verdade, algunhas cuestións. En primeiro lugar, os membros das distintas relixións, os cristiáns, nós os católicos, que somos maioría en España, tamén somos cidadáns. Recordar isto parece absurdo, pero non é tan obvio para moitos.

En segundo lugar, a Igrexa, como Institución pública, cunha presenza significativa en España e en todo o mundo, estableceu Acordos, en diversas formas, coa gran maioría dos Estados. A este respecto, os Acordos asinados no ano 1979 co Estado Español e a Santa Sé, incluían a exención de impostos respecto dalgúns bens, a saber, templos e dependencias destinadas á pastoral (recórdese que nalgúns pobos os únicos lugares de reunión están nas parroquias), as residencias para sacerdotes e relixiosos e o Seminario. Os demais bens, xa que logo, pagan o IBI. Estas exencións concedéronse polo Estado nos mesmos términos a todas as confesións relixiosas que teñen convenio de colaboración.

Por outra banda, a lei de mecenado de 2002 cambiou o réxime fiscal do IBI do sector non lucrativo. Desde a súa entrada en vigor e ata hoxe, todas as entidades incluídas na lei (asociacións de utilidade pública, fundacións, ONG´s dedicadas ao desenvolvemento, federacións deportivas e confesións relixiosas) teñen os mesmos beneficios fiscais en materia de IBI. Privilexios? Claramente non.

E finalmente, o mal chamado “imposto relixioso” non é tal, senón unha “asignación tributaria”. Resulta curioso que algúns non poidan ou non queiran comprender o que isto é, en España e noutros países de Europa. Non é un imposto, porque o contribuínte non paga máis nin menos; simplemente dáselle a opción de optar na declaración da renda, e determinar así con liberdade o uso dese pequeno 0,7% do seu IRPF. Ata se poden seleccionar as dúas opcións: para as ONG´S e para a Igrexa Católica.

E por que esta asignación? Polo significado que a Igrexa ten para a vida da sociedade e de moitos cidadáns. En efecto, a Igrexa aforra ao Estado moito diñeiro e ademais é a segunda gran empresa a nivel nacional (xa que logo, creadora de postos de traballo) despois do Estado. Pero quen non quere entender difícil é axudarlle a comprender. Ademais, como moi ben di a campaña publicitaria deste ano, o peculiar labor da Igrexa fai que detrás de cada X haxa unha historia, que esta letra teña alma, corazón e vida. É a vida e a historia de cada unha das persoas que reciben a sinxela e silenciosa, pero inmensa axuda da Igrexa Católica, a través de todas as súas parroquias e institucións. Soamente Cáritas española logrou no ano 2014 emprego para 13.681 persoas en situacións moi precarias. Por iso, detrás de cada X, hai moitas historias de amor.

Así pois, privilexios?, non, grazas. Si, en cambio, solidariedade e compromiso cos máis necesitados, e esforzo dos católicos por construír un mundo mellor e máis habitable para todos.

Grazas a todos os que entendedes isto, “por tantos que necesitan tanto”.

Encontro en Samos dos benedictinos de España e Portugal

Samos

Entre os días 19 e 22 de maio celébrase no Mosteiro de Samos un Encontro Ibérico Monástico das comunidades benedictinas de España e Portugal (29 comunidades femininas, 12 masculinas).

Trala oración de Laudes, o día 19 de maio o sacerdote D. Andrés Villar falará sobre a “Unión de Comunidades”. Pola tarde, o relatorio será sobre a ”Comunidade Asistencial Monte Sión” a cargo do P. Isidoro Anguita, Abade de Santa María de Huerta.

O dia 20 de maio, o P. José María Soler, OSB, Abade de Santa María de Montserrat comunicará o seu relatorio “Autonomía dos Mosteiros na Congregación Sublacense Casinense. Agregación de mosteiros femininos”. Pola tarde, a M. Kándida Saratxaga, Abadesa de Santa Ana de Lazkao falará sobre “A Congregación de Castilla: unha Congregación monástica feminina”.

Finalmente, o último día do Encontro estarán presentes o Secretario e o Subsecretario da Congegación vaticana para os Institutos de Vida Consagrada, Mons. José Rodríguez Carballo e Sebastiano Paciolla, respectivamente.

A revista Lvcensia cumpre 25 anos

presenta lucensia

Cunha convención de colaboradores celebrouse o 25 aniversario da revista Lvcensia o sábado 16 no Seminario. O número 50 de Lvcensia ten un carácter eminentemente práctico, indispensable para manexarse polos contidos dos 49 números anteriores, pois trae 6 índices. O primeiro recolle alfabeticamente o nome dos 275 autores, títulos publicados e localización. Noutros dous índices a anterior información está ordenada polo título de cada un dos 700 artigos aparecidos e pola materia (84 apartados, desde acuicultura a urbanismo). E os dous índices finais recollen as recensións (ordenadas polo autor da obra que se reseña) e os colaboradores.

No acto de presentación, o señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, sinalou que entre o 70 e o 75% dos artigos tratan de historia, lato sensu, e nótase o diálogo co mundo universitario presente en Lugo pola presenza de temas como agricultura, gandería, ciencias naturais. Tamén expresou o señor Bispo o desexo de que Lvcensia sirva para garantir a nosa memoria e abrir espazos de diálogo.

Xornada das Comunicacións Sociais 2015

xornada MCS cartel

 Na Xornada Mundial das Comunicacións que se celébrase o domingo 17 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, invítasenos a reflexionar sobre o papel da comunicación na misión da Igrexa no mundo.

“Comunicar a familia” é o lema desta XLIX Xornada Mundial. Lémbrasenos como a pertenenza á familia pode atopar na comunicación unha canle de expresión que sexa servizo á humanidade.

[Materiais da Xornada]

A %d blogueros les gusta esto: