Celebración do Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

5 maio día 24 Apostolado Segrar

A Delegación de Apostolado Segrar de Lugo invita a toda as persoas, en especial aos laicos, a vivir con gozo a festa do Espírito Santo, lembrando que actúa en cada un de nós, e que nos chama a vivir a fraternidade de sabernos irmáns, pulando por defender a dignidade humana e transmitindo a alegría do evanxeo nas nosas familias, nos nosos ambientes e nos nosos traballos.

No salón de actos Seminario de Lugo, o venres 22 de maio, ás 20 h., contaremos coa presencia de D. Jesús Fernández González, bispo auxiliar de Santiago de Compostela, que impartirá unha charla en torno ao lema da CEAS para este ano: “A familia acolle e transmite a luz”.

Ao día seguinte, o sábado 23 de maio, ás 19h a vixilia de Pentecoste será nunha periferia da cidade do Santísimo, sendo por primeira vez na parroquia de S. Lourenzo de Albeiros de Lugo.

O día grande da Igrexa, o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar, é o domingo 24 de maio, no que celebraremos a solemnidade de Pentecoste cunha Eucaristía, presidida polo noso Bispo, D. Alfonso Carrasco Rouco, na Catedral de Lugo, ás 13:00 h.

Como nos sinalaba o papa Francisco na Eucaristía de Pentecoste do ano pasado:

O Espírito Santo ensínanos o camiño; recórdanos e explícanos as palabras de Xesús; fainos orar e dicir Pai a Deus, fainos falar aos homes no diálogo fraterno e na profecía.

O día de Pentecoste, cando os discípulos «quedaron cheos de Espírito Santo», foi o bautismo da Igrexa, que naceu “en saída”, en “partida” para anunciar a todos a Boa Nova. Xesús foi perentorio cos Apóstolos: non debían alonxarse de Xerusalén antes de recibir dende o alto a forza do Espírito Santo (cfr Fei 1,4.8). Sen El non existe a misión, non hai evanxelización. Por isto con toda a Igrexa invocamos: ¡Ven, Santo Espírito!”

Que non nos quedemos no litúrxico, que non permanezamos pechados nas nosas inercias: toca saír fóra, toca abrir as portas, toca abrirnos aos irmáns que sofren e nos que se fai presente Xesús.

[Materias da Xornada]

Actuación da Coral do Hospital de Lugo no Círculo das Artes

Coral Hospital 2

O xoves 21 actuou no Círculo das Artes a Coral do Hospital de Lugo. A parte final do concerto consistiu nunha estrea, con interpretación de Indianas, seis canciones para cuarteto vocal o coro y piano de Carlos Guastavino (1912 – 2000).

Unha alumna do compositor arxentino, que mantén contacto coa coral desde que esta actuara no país americano hai 6 anos, enviou a Lugo os temas musicais interpretados na parte final do concerto. Foron pezas que constituíron todo un reto para a coral lucense, que saíu adiante coa colaboración do pianista Aurelio Chao.

 No concerto actuaron como solistas: Celia Vizcaíno como soprano, Concepción Corral como mezzosoprano; Luis Del Arbol. tenor e Carlos Roda como recitador. A dirección correu a cargo de Fernando G. Jácome.

Rolando Ruiz falou en Lugo da misión ad gentes

Rolando 2

O misioneiro xaveriano Rolando Ruiz Durán falou o día 18 de maio no Seminario de dous documentos da Conferencia Episcopal: “Actualidade da misión ad gentes en España hoxe” e “Orientacións sobre a cooperación misioneira entre as igrexas para as dioceses de España”. Para Rolando, o dinamismo misioneiro dos fieis é signo de madurez e a dimensión misioneira revitaliza toda a acción pastoral. Tamén resulta positivo entrar en contacto cos territorios de misión, sendo un exemplo disto a viaxe que fixo o Papa emérito Benedito XVI a África: cambiou a súa visión eurocéntrica que tiña os primeiros anos do seu pontificado.

 Con este acto concluían as tres xornadas de animación misioneira que veu realizando a Delegación Diocesana de Misións.

Seminario sobre o dó nos nenos

5 maio día 30 Seminario dó nos nenos

O dó nos nenos é o título do seminario que organiza o 30 de maio no Colexio Fingoi o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo. Trátase de ensinar as actitudes que se deben ter cos nenos para previr o sufrimento e acompañalos na elaboración da dor pola perda dun ser querido ou outras perdas. Está dirixido a pais, educadores, profesionais da saúde

Contido:

  • características do dó nos nenos
  • a morte e o dó
  • a vivencia da perda nos nenos. Tipos de dó
  • como axudar aos nenos a vivir mellor o dó. pautas para pais e para profesionais.

 Este seminario estará impartido, cunha metodoloxía teórico-práctica, pola doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, Consuelo Santamaría.

O 29 de maio finaliza o prazo para inscribirse, o que se fará enviando a info@cofdiocesano.org os seguintes datos: nome, apelidos, teléfono, actividade profesional, e indicar se un ten ou non formación previa en dó. 

Encontro vocacional e xornada de portas abertas do Seminario

O sábado 23 de maio de 11:00 h a 16:30 h. o Seminario organiza un día de convivencia para monagos e mozos que poidan ser futuros candidatos a seminaristas menores. Será un día no que os seminaristas están no Seminario, de modo que poidan ser eles os anfitrións e os que se encarguen de presentar esta realidade do Seminario aos que participen no encontro. [Inscrición no Encontro Vocacional]

“Portas Abertas” do Seminario Menor para as familias

O mesmo día a partir das 11:30 h. Iníciase unha xornada de “Portas Abertas” para as familias ou outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario Menor, a súa proposta educativa, as súas instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria… Haberá unha primeira presentación e saúdo no Salón de actos e logo, posteriormente, unha visita guiada ás instalacións, para que o conxunto non se estenda máis aló das dúas horas de duración. A ela poden unirse, pois, tanto familias dos que veñen ao Encontro como outras persoas interesadas.

A %d blogueros les gusta esto: