Colexio da Asunción en Sarria

Misa 50 anos Colexio Asunción Sarria

O Bispo da Diocese presidiu a Santa Misa solemne de acción de grazas con motivo de cumprirse cincuenta anos da fundación do Colexio da Asunción en Sarria. O pobo e os numerosos invitados encheron o templo da parroquia do Rosario como expresión de agradecemento a Deus, ás familias colaboradoras coa fundación e ás relixiosas da Asunción.

É bo non esquecer as persoas que, de moitos modos e formas, fan o ben nas nosas terras de Lugo. Se perder a memoria é grave, non saber ou non querer lembrar e agradecer, aínda que sexa inconscientemente, pode converterse nunha expresión dolorosa de perda de sensibilidade, de esterilidad e de ocultamento cultural de obras que foron e son exemplares para as xeracións futuras.

Non é este o lugar axeitado para unha historia tan densa. Por iso quedarán no anonimato multitude de nomes, circunstancias, acontecementos que entreteceron en Sarria un gran colexio e contribuíron á formación integral de numerosos nenos e mozos da comarca. A fe e a confianza inquebrantable dos fundadores do colexio abriron un camiño que continúa hoxe cheo de esperanza e producindo extraordinarios e excelentes froitos.

Nos convulsos tempos do século XIX, a fundadora da Congregación da Asunción, María Eugenia Milleret, convencida de que era necesario concederlle a preferencia a Deus nos corazóns, na sociedade e na historia, quere dedicar a súa vida a facerlle coñecer e amar a El e á Igrexa. E iso levaríase a cabo mediante a educación. Así poderíase transformar a sociedade para estender polo mundo o Reino de Deus. María Eugenia adiantábase así ás grandes propostas educativas do Concilio Vaticano II asumindo os valores éticos que máis tarde conformarían os proxectos educativos católicos de numerosas congregacións.

O proxecto de María Eugenia aterraba en Sarria a partir do mes de xullo de 1965. Era a primeira fundación da Asunción en Galicia co obxectivo de contribuír á promoción social e cultural, especialmente no rural. O 5 de agosto do mesmo ano chegaban as primeiras irmás da Congregación: sor María Evelia, sor María Elva, sor María Germana e sor María Camino.

Contan os anais que foron moi ben acollidas e recibidas, incluso os veciños tiveron que fornecelas de auga dada a escaseza que había daquela na vila, soamente dúas horas de auga ao día.

Pero a auga da cultura comezaba como un surtidor a producir sabrosos froitos. Hoxe, son máis de 300 alumnos e 30 profesores. Noraboa e longa vida para esta nobre institución.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Actos polos cristiáns perseguidos

A Delegación de Misións da Diocese, organiza o 9 de outubro, ás 19 h na parroquia de San Pedro de Lugo un Vía Crucis polos cristiáns perseguidos.

O domingo día 11 ás 12.30 h, na mesma parroquia, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidirá a Eucaristía para unirse á petición do Papa Francisco de rezar polos miles de cristiáns que sofren persecución en todo o mundo.

50 aniversario do Colexio da Asunción de Sarria

Colexio Asunción Sarria

O sábado 10 de outubro ás 11 h celébrase unha Eucaristía presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco.

O Colexio da Asunción é un centro concertado de infantil, primaria e secun-daria. É un centro católico, aberto a todos e especialmente aos que máis o necesitan. No Colexio da Asunción fórmanse dun xeito integral homes e mulleres que contribúan a unha sociedade máis xusta, en concordancia cos valores cristiáns. O centro tamén oferta servizos como garda, comedor ou actividades extraescolares, que axudan ás familias na conciliación.

[Ver historia e álbum]

Inauguración do curso pastoral

Mons Alfonso Carrasco

O xoves 8 de outubro inaugurouse oficialmente o curso pastoral 2025 – 2016 na Catedral de Lugo, cunha Eucaristía presidida polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

Na homilía Mons. Alfonso Carrasco Rouco considerou que hai razóns para iniciar con alegría todos xuntos o novo curso. A historia na que estamos é boa; así pois, a meta será boa. Tamén sinalou que “a pedagoxía divina é humana, boa, prudente e pacífica”.

Conferencia de D. Santiago Agrelo, arcebispo de Tánger

Santiago Agrelo e Suso Santiago

A Delegación de Misións programou o 7 de outubro unha conferencia de D. Santiago Agrelo, arcebispo de Tánger, que realiza o seu labor pastoral na fronteira tanto con cristiáns como con musulmáns.

D. Santiago Agrelo, sinalou que África é o continente máis rico pero o que ten máis pobres. Algúns deles inician un periplo, en condicións espantosas, fuxindo da súa situación. Ante isto, en Europa hai autoridades civís, eclesiásticas, e tamén cidadáns, que só ven cuestións técnicas (cámaras de vixilancia, reconducir fluxos migratorios…). Pero os cristiáns non debemos poñer o centro na técnica senón no corazón. Desde a Revelación, desde o Evanxeo, máis que falar de inmigración, hai que falar de persoas, ante as que non podemos mostrarnos indiferentes, senón ser xustos, compasivos e hospitalarios.

Fronte á indiferencia, Santiago Agrelo invitou a ter estoutras actitudes: “Nunca veremos aos pobres se neles non nos vemos a nós mesmos”, “espero que na fronteira, á luz da fe, nos confundan cos pobres”.

A %d blogueros les gusta esto: