Concertos de Sólo Voces e do Orfeón Xoán Montes

Copia de 11 novembro día 7 concerto na igrexa A NovaO sábado 7 de novembro ás 12h o grupo vocal Sólo Voces dará un concerto na igrexa Santiago a Nova (Lugo) interpretando temas de polifonía relixiosa da Península Ibérica baixo a dirección de Fernando Gómez Jácome. O repertorio de Sólo Voces abrangue os ámbitos máis diversos (desde o máis serio ao máis humorístico) e en música sacra publicou o disco “Nihil novum sub sole”.

O  día 7 de novembro, celébrase o “IX Concerto de Outono” a partir das 19,45 horas na Igrexa de S. Pedro, este ano acompañarán ao Orfeón Xoán Montes o Coro Facundino de Sahagún (León) dirixido por Svetlana Krichtopova. Na mesma igrexa de S. Pedro o 14 de novembro ás 20h actúan os colectivos “Cantar delas” e ” EntrElas”.

Última sesión do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Relatores 2

O 7 de novembro será a 10ª e última xornada do Curso de Formación en Matrimonio e Familia organizado polas cinco diócesis galegas. Tema: O aceite sobre as feridas: cara a unha pastoral da misericordia. A relatora principal é Mª Luisa Erhardt, que dirixe do centro Betania de acompañamento a mulleres separadas. Tamén participa o Delegado de Pastoral Familiar de Valladolid Fernando García Álvaro.

Nesta sesión buscaranse respostas a preguntas como as seguintes: Pode ser a ruptura matrimonial unha posibilidade de encontro e sanación? Unha familia que viviu o drama da separación pode esperar ser bendicida por Deus? Pode ser o lugar de educación no Amor que propón a Igrexa? De que xeito?

É imposible aprender na vida senón se aprende da vida. O fracaso forma parte do noso proceso de aprendizaxe e pode ser unha fonte de graza e bendición sen igual, coa condición de poñerse diante da realidade sen negar ou xustificar o vivido. Hai en nós unha grandeza maior que os nosos erros e límites; é a que brota do amor misericordioso co que somos amados por Deus. 

Presentación da tradución ao galego de Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer

presentac

O 5 de novembro no salón de actos de Afundación (Praza Santa María, Lugo) presentouse a versión galega do libro que recolle sete entrevistas que concedeu Xosemaría Escrivá, entre 1966 e 1968, a Le Figaro, The New York Times, Times, L’Osservatore della Domenica e a varias revistas españolas (Telva, Gaceta Universitaria e Palabra).

A tradutora do libro, Araceli Filgueira, no acto de presentación de Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer comentou que o entrevistado deu respostas de gran carga teolóxica e doutrinal. E fíxoo cunha concreción moi grande. Podíaselle preguntar a Mons. Escrivá calquera cousa, sempre que a forma fose respetuosa. De feito, os temas son moi variados, como a vida mesma.

 Sobre o seu labor de tradución, Araceli Filgueira dixo que tivera varias desavinzas co corrector e ante isto algunhas veces conservou a palabra orixinal en cursiva (capitidisminuido) e outras veces gañou o corrector, como cando mantivo a palabra “enfaixar” como equivalente ao castelán “encorsetar”.

Ademais de Araceli Filgueira, no acto interviron Luciano Armas, cóengo da Catedral de Lugo, e Rafael Silva, editor de Follas Novas. E como moderadora, a profesora Isabel Dans.

 

Inicio da formación permanente para sacerdotes

O 4 de novembro comeza na Diocese a formación permanente para sacerdotes, correspondente ao curso 2015-2016. Os lugares e os días de cada mes nos que haberá esta formación ata maio, son os seguintes:

Chantada (1º mércores), Baralla (2º mércores), Lalín (3º mércores), Monforte (4º mércores), Lugo (1º xoves), Monterroso (2º xoves), Sarria (3º xoves) e A Fonsagrada (4º xoves)

LaMisericordia_Kasper

O documento base de traballo para este curso é o libro de W. Kasper A misericordia, que trata de recuperar ese tema por consideralo esquecido con demasiada facilidade na historia recente da Igrexa e a teoloxía. Se queremos que o protagonista sexa o Deus de Xesucristo, non un Deus abstracto, cómpre poñer no centro a misericordia divina, máxima realización do amor e a xustiza divina. A misericordia ten que ser entón norma e medida da doutrina teolóxica sobre Deus, así como da doutrina e da vida da Igrexa (liturxia, pastoral, espiritualidade, estruturas…).

Vida eterna

 Estes días moitos acudimos ás igrexas e cemiterios dos nosos pobos e cidades para recordar na oración aos nosos seres queridos defuntos.
Podemos orientar o estilo da nosa vida de moitas formas, ata sen Deus, pero á hora da morte só Xesucristo é o que ten palabras de vida eterna. O que fagamos hoxe e mañá só ten sentido desde a existencia de Deus e, xa que logo, da vida eterna. A existencia dun Deus misericordioso e bondadoso ata o infinito é o que fai que o que sentimos polos nosos defuntos sexa máis que un simple recordo máis ou menos melancólico.
As palabras de Pedro a Xesús seguen estando de plena actualidade «Señor, a quen iremos? Ti tes palabras de vida eterna» (Xn 6, 69). Desde que se pronunciaron estas palabras ata os nosos días, e sobre todo os últimos 50 anos, a ciencia e a técnica avanzaron moito máis do que nunca ninguén antes imaxinase. Pero a exclusividade desta promesa de eternidade séguea tendo Deus.
A medicina, a alimentación e a hixiene fixeron que se dobrase a esperanza de vida, pero esta segue sendo temporal. E se chegase un día en que conseguísemos evitar a morte e vivísemos indefinidamente tampouco poderiamos dicir que isto é unha vida eterna. Simplemente sería a mesma vida que temos agora sen data de caducidade, pero non exenta de problemas e limitacións.
A vida eterna da que fala Xesucristo é outra cousa moi distinta. É algo absolutamente novo que non se pode comparar con nada do que coñecemos.
Celebramos, xa que logo, dúas festas distintas que se achegan a unha mesma realidade desde distintos puntos de vista, pero ambos necesarios e non excluíntes. Aos nosos santos acudimos pedindo intercesión porque necesitamos a axuda de Deus. Aos nosos defuntos deixámolos nas mans misericordiosas deste mesmo Deus, para que os modele de novo e vivan na Xerusalén do Ceo. Son celebracións anuais máis solemnes pero non distinto aos que facemos todas as semanas na Eucaristía dominical onde lle dicimos a Deus:

«Lémbrate tamén dos nosos irmáns que durmiron na esperanza da resurrección, e de todos os que morreron na túa misericordia; admíteos a contemplar a luz do teu rostro. Ten misericordia de todos nós, e así, con María, a Virxe Nai de Deus, o seu esposo San Xosé, os apóstolos e cantos viviron na túa amizade a través dos tempos, merezamos, polo teu Fillo Xesucristo, comparti-la vida eterna e cantar as túas loanzas» (Pregaria Eucarística II).

Tamén habería que dicir algo do Halloween, Samaín e as almas en pena de procesión pola muralla, convertida en templo do neopaganismo. Pero iso deixámolo para outra ocasión.
Deus ilumina novembro. Xesucristo fálanos con palabras de vida eterna e grazas a El, a nostalxia polos nosos defuntos convértese na confianza de que un día atoparémonos con eles diante de Deus no Ceo nun mundo novo.
Por Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: