A Catedral de Lugo abre a Porta da Misericordia o 13 de decembro

Copia de Porta Santa Catedral O Xubileo Extraordinario da Misericordia que convocou o Papa Francisco para toda a Igrexa universal conleva abrir a porta da misericordia, non só en Roma, senón en Cada catedral para facer máis próxima e sinxela a invitación a gañar este xubileo. O Papa subliña así que cada Igrexa particular, cada Diocese, é plenamente a Igrexa de Cristo nun lugar, convertendo cada Catedral nunha meta de peregrinación.
En Lugo abrirase a nosa catedral unha porta da misericordia, a porta da capela de San Froilán- situada na fachada principal da basílica-, o vindeiro domingo 13 de decembro invitando a todos a vivir este xesto como ocasión singular de perdón e de reconciliación, así como de cambio e de renovación.
Os actos, presididos polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, son os seguintes:
– 18:30h. Inicio da celebración na igrexa dos Padres Franciscanos
– Procesión ata a S. I. Catedral
– Apertura e entrada pola Porta da Misericordia (Praza Pío XII)
– Celebración da Eucaristía no Altar Maior
A porta que se abre na Catedral será a que, desde a fachada principal, dá entrada á capela de San Froilán. Esta porta leva pechada, aproximadamente, desde o ano 1916 (cando se trasladou definitivamente a parroquia de San Pedro deixa a Catedral pola actual localización).
Traspasar esta porta será un signo de querer achegarse ao corazón da Igrexa que non é outro que a misericordia do Señor patente na Santísima Eucaristía exposta permanentemente no Altar Maior da Catedral de Lugo.

Actos solidarios e musicais en parroquias da Diocese

Recollida de xoguetes en San Clodio, Quiroga. Ata o día 21 de decembro as parroquias de Quiroga e San Clodio recollen xoguetes novos ou usados en bo estado coa finalidade de distribuílos despois a través da Cáritas interparroquial de San Clodio-Quiroga.

Confraría Nosa Señora do Pedregal (Meira) Continúan o día 13 co taller de manualidades iniciado o domingo anterior. Confeccionan un boneco solidario que se poderá comprar o domingo 20 de decembro (feira) no posto da confraría. Coa súa compra, a un prezo asequible, axúdase a xente necesitada.

Cáritas interparroquial de Silleda organiza os días 19 e 20 diante da igrexa un mercado de pasteis, licores, conservas e outros produtos artesanais.

Parroquia de San Francisco Xavier, Lugo: festival o sábado 12 ás 17 na igrexa. Sortéase unha cesta de Nadal e o recadado será a prol de Cáritas parroquial.

Cáritas parroquial de Santiago A Nova (Lugo) organiza unha recollida de alimentos os días 11 e 12 deste mes.

O día 13 ás 20.30h terá lugar en Santiago A Nova o Concerto de Nadal, que contará coas actuacións de Cantar Delas e o Coro parroquial de voces brancas.

Na igrexa de S. Froilán, Lugo, o 12 de decembro ás 20,30 h. actúan a Coral Ecos do Miño Astelu (Misa) e Orfeón Xoán Montes (Concerto). 

Na igrexa de igrexa de S. Lourenzo de Albeiros o 13 de decembro, ás 12,45 h. Coral Cantar Delas (Misa) e Conxunto Vocal Lugh, (Concerto). Tanto nesta actuación como na anterior recóllense alimentos para ser distribuídos por Cáritas

Campaña de Nadal na parroquia A Milagrosa (Lugo)

As actividades máis reseñables da campaña 2015-2016 son:

– Cea benéfica o venres 11 de decembro ás 20:30 horas no salón parroquial. Antes celébrase a Santa Misa ás 19:30 horas. O donativo que se pide son 10 euros. Aprovéitase esta ocasión para invitar a persoas que atravesan momentos complicados e difíciles, a participar desta comunidade.

– Entrega extraordinaria de alimentos en Nadal. Repártese unha bolsa de alimentos o día 23 de decembro para a celebración do Nadal, que se suma á entrega de alimentos que se fai todos os xoves do ano. A parroquia só recolle alimentos no templo, isto é, non ten puntos de recollida fóra do mencionado.

-Entrega de xoguetes o día 5 de xaneiro pola mañá. Recóllense na parroquia a partir do 23 de decembro.

-Programa Apadriña a unha familia. Búscanse padriños e madriñas que se involucren en crear oportunidades e apoiar familias necesitadas -tanto económica como socialmente- cun compromiso de axuda material e de acompañamento durante un periodo de tempo.

Preparación do Nadal cos nenos na Parroquia de San Antonio, Lugo

As sesións de catecismo do xoves, venres, sábado e domingo (10, 11, 12 e 13 decembro respectivamente) na Parroquia de San Antonio de Padua substitúense por unha celebración conxunta que será o venres día 11 de 17.00 a 19.00 horas.

O grupo Scout Tesela e o equipo de catequistas organizan unha actividade estruturada en diversos puntos distribuídos polas instalacións parroquiais, cada un enfocado a unha tecnoloxía ou propósito diferente. Así os asistentes poderán percorrer todos os postos sen unha orde concreta, tanto se queren ver todos os puntos coma se non, dedicar máis ou menos tempo a un ou outro.

MAXI-TOUCHPAD: Coma se fose unha pantalla táctil xigante, os participantes poderán pintar ou estampar a súa firma, mensaxe… nun mural que logo decorará durante as festas unha parede da parroquia.

POMBA VIRTUAL: Constará dun ordenador con conexión a internet cunha conta de correo creada específicamente, onde poderán escribir un e-mail de felicitación navideña e envialo ao enderezo desexado.

PHOTOCALL: Un espazo ben iluminado e cunha parede de fondo onde cos accesorios fabricados polos nenos do Grupo Scout Tesela faranse fotos divertidas e orixinais para facer postais personalizadas ou para envialas a través de internet.

VIDEOCALL: Para o video posterior aquí recompílanse vídeos persoais, individuais ou grupais onde a xente poida transmitir a súa mensaxe navideña dun xeito divertido e diferente.

CHOCOLATE@CHURROS.COM: Unha mesa onde conseguir un chocolate quente con churros e outros doces e compartir un momento de distensión e charla.

CONFESIONARIO DE ORIENTE: Webcam onde se gravará un video persoal coa carta aos Reis Magos (para que se poidan enviar aos pais correspondentes) ou os teus desexos para estes Nadal.

REPORTEIRO EN LIÑA: Cunha cámara e un micrófono irá gravando, entrevistando á xente e animando o ambiente en xeral.

CLAUSURA E LIPDUB: O encontro finalizará cun pequeno acto na igrexa, onde se verá un pequeno vídeo onde participan distintos grupos da parroquia desexando feliz Nadal a todos os asistentes. Haberá unha sinxela coreografía facendo o reporteiro on-line gravacións previas que fagan o efecto dun gran lipdub.

Esta actividade diríxese a todas as familias da parroquia.

Encontro de Nadal do profesorado de relixión

O 12 de decembro no Gran Hotel Lugo terá lugar o Encontro de Nadal do profesorado de relixión da Diocese de Lugo.

O programa é o seguinte:

Paco Castro Miramontes

  • 10,30 h. Oración

  • 11 h. Francisco J. Castro Miramontes. Vivir a esperanza en tempos de crise

  • 12 h. Descanso-Café

  • 12,30 h. Reflexión. 2ª parte

  • 13,30 h. Informacións varias

  • 14h. Xantar de Irmandade. Homenaxe ós compañeiros/as xubilados

A %d blogueros les gusta esto: