Celebración da Infancia Misioneira

mpilar Durante esta semana a misioneira comboniana Pilar Sáinz Gomara, está mantendo encontros con nenos e maiores de toda a Diocese. É con motivo da xornada da Infancia Misioneira (24 de xaneiro) que en Lugo se encarga de organizar o Director Diocesano de Obras Misionais Pontificias, Jesús Santiago.

Pilar Sáinz naceu en Sevilla, formouse en Italia, estivo en Etiopía cinco anos e medio e en Ecuador 33 anos. Formou parte da Comisión de Coordinación da “Escola de Formación Misioneira” da arquidiocese de Quito en Ecuador. Esta Escola conta con centos de alumnos. Colaborou tamén na Comisión de Animación Misioneira da Conferencia Ecuatoriana. Ademais, foi Procuradora da Provincia de Misioneiras Combonianas, que abrangue Ecuador, Perú, e Colombia. Colabora na Delegación de Misións de Almería.

O luns estivo en Sarria, o martes 19 estará en Palas, o mércores 20 en Lugo, o xoves en Antas de Ulla e Melide, o venres e sábado en Lugo e o domingo 24 en Monforte.

[Información e recursos da Xornada da Infancia Misioneira]

 

Conclusión do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

A túa misericordia vale máis cá vida” (Sal 63, 3)

O Curso de Formación en Matrimonio e Familia quixo ser achega e estímulo para a renovación da Pastoral Familiar; pero, sobre todo, para a vida das familias. Fortalecelas na súa vocación, axudalas a vivir a felicidade que Deus desexa para cada un dos seus membros, contribuír a que poidan superar con éxito os retos aos que se enfrontan para vivir a grandeza e beleza da vocación á que foron chamadas. Unha acción evanxelizadora fundamental da Igrexa hoxe nas sociedades europeas: axudar a que as familias vivan plenamente a súa vocación, xerando un cambio na cultura. Temos que continuar neste proceso de conversión pastoral cara a “unha Igrexa capaz de dialogar con aqueles discípulos que, fuxindo dela, vagan sen unha meta, sós, co seu propio desencanto, coa decepción dun cristianismo considerado xa estéril, infecundo, impotente para xerar sentido” (Papa Francisco).

Damos grazas ao Señor pola súa misericordia, polo inmenso agasallo de permitirnos vivir esta experiencia cristiá de alto voltaxe! E, a modo de síntese, o Seminario de Clausura con José Noriega, propuxo algúns puntos decisivos para unha Pastoral Familiar potente:

– Debemos acompañar aos mozos, axudándolles a interpretar a experiencia amorosa e xerando neste proceso prácticas concretas que amosen a grandeza do verdadeiro amor.

– Só a xenerosidade non asegura este amor verdadeiro nas diferentes etapas da vida. É preciso xerar a virtude da castidade, que constitúe realmente a arte de amar.

– Como en Cristo, verdadeiro home, o Espírito entra na carne dos esposos (ministros do sacramento do matrimonio) e, coa súa acción rexeneradora, fai do camiño conxugal un camiño de santidade.

– Comunicar a plenitude que se vive (paternidade e maternidade) agranda o amor esponsal e lévanos a enxendrar, a educar, a construír unha persoa: unha vida grande e fermosa.

Crer é necesario; vivir non. Benestar, diñeiro, saúde, seguridades… non supoñen nada decisivo para a felicidade. É necesario prometer(se), casar, enxendrar, ser fecundos e entregarse ata colmar unha vida.

Crer! É preciso. E razoable. Vivir non. A súa misericordia vale máis que a vida.

Javier de Montse

Comunidade Caná

Todos somos migrantes

O terceiro domingo de xaneiro celebra a Igrexa Católica o día das migracións e faino chamando a abordalas desde a xustiza. Hai máis de 230 millóns de emigrantes internacionais e deles 60 millóns son refuxiados.

Un dos estereotipos que circulan por aí é que a Igrexa sempre chega tarde ante os diversos problemas sociais. Os estereotipos non son verdades. Este ano a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Migracións nº 102 e na ONU celébrase o Día das Migracións (18 decembro) desde o ano 2000 (resolución do 4 de decembro). Se a Igrexa afronta tarde esta temática ¡que dicir da ONU que leva case 90 anos de demora en relación coa Igrexa Católica!

Ante as migracións o primeiro que hai que constatar é que todos somos migrantes ou descendentes de migrantes. O ADN mitocondrial ensínanos que tódalas persoas da humanidade somos descendentes dunha única Eva, que viviu no Centro Leste de África e, desde aí, foise estendendo a tódolos continentes. Asumir que todos descendemos dunha única muller esixe considerar que só hai unha ÚNICA FAMILIA HUMANA. Así sobran os valados de separación, os fosos… pois van contra a nosa orixe. A xenofobia é unha traizón á nosa historia.

Convén lembrar, por iso, que desde 1827 a 1921 arredor de 1 millón de persoas abandonou cada ano Europa na emigración transoceánica. A emigración en España foi unha constante en case todo o século XX e reaparece na actual crise.

Para dar unhas orientacións neste tema a Santa Sé publicou no 2004 o documento “Erga Migrantes Cáritas Christi”, que os bispos españois adaptaron á nosa realidade no 2007 baixo o título “A Igrexa en España e os Inmigrantes”. Tódolos anos o Papa e os bispos publican mensaxes para este día.

Na actualidade case tódalas dioceses de España comparten algún dos seus templos con cristiáns doutras igrexas. Fai máis de tres anos comentáballe ó alcalde de Monforte (do BNG): “o feito mais importante a nivel político, social, cultural e relixioso acontecido na cidade nos últimos seis meses tivo lugar na parroquia da Régoa coa Misa que tiveron os ortodoxos, presidida por un cura de Ucraína”. O seu comentario foi que non sabía nada, pero eu estou convencido que o feito é relevante e dicíallo para que soubera que iso acontecía e acontece.

Nos escritos do Maxisterio dísenos que para a Igrexa “ninguén é estranxeiro”, que “o inmigrante é unha persoa coa mesma dignidade e dereitos fundamentais cós demais, é un fillo de Deus”. Igualmente “a Igrexa defende o dereito a emigrar… e o dereito a non ter que emigrar…”. Tamén denuncia que o Mediterráneo sexa un cemiterio e úrxenos a combater a trata de persoas.
Non vou lembrar máis ensinanzas básicas da Doutrina Social da Igrexa, pero dada a dificultade de integración dos musulmáns quixera traer aquí o documento sinalado da Santa Sé que no nº 66, despois de enumerar o que se comparte con eles, engade:
“Xunto a estas converxencias, preséntanse tamén diverxencias, algunhas das cales están relacionadas cos logros lexítimos da modernidade. Tendo en conta especialmente os Dereitos Humanos, aspiramos, por tanto, a que se produza nos nosos irmáns e irmás musulmáns unha crecente toma de conciencia sobre o carácter imprescindible do exercicio das liberdades fundamentais, dos dereitos inviolables da persoa, da igual dignidade da muller e do home, do principio democrático no goberno da sociedade e da correcta laicidade do Estado. Haberá, así mesmo, que chegar a unha harmonía entre a visión de Fe e a xusta autonomía da Creación”.

A tarefa é grande e necesítase a corresponsabilidade de todos.”

Antón Negro

Homenaxe a D. Carlos Méndez Vázquez

O domingo 17 de xaneiro, a parroquia de Monterroso homenaxea a D. Carlos Méndez que foi cura párroco da mesma dende o ano 1961 ata setembro do 2015. Nesa mesma data encargouse tamén da parroquia de Santiago de Bidouredo, anos máis tarde de S. Martiño de Fente e últimamente tamén de Santa María de Pedraza, todas elas do concello de Monterroso.

Os actos do día 17 son: ás 12:30 h Eucaristía presidida polo Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco e cantada polo coro parroquial e pola coral Ecos do Ulla, e ás 14:00 h comida de confraternidade na Cúpula, situada na praza da localidade.

Seminario de clausura do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Seminario final Curso FMF

O 15 de xaneiro iníciase na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago de Compostela este seminario baixo o título “A família: lugar da Nova Evanxelización”. O mencionado día ás 19h será a primeira das 4 conferencias que impartirá José Noriega Bastos, DCJM. As outras tres conferencias repatiránse ao longo do día 16.

Temas: interpretar a experiencia amorosa da xuventude, o desafío de xerar a castidade, a caridade conxugal, a magnanimidade da paternidade.

O acto é aberto, polo que calquera pode participar, aínda que non sexa alumno do Curso de Formación en Matrimonio e Familia.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: