Asemblea da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

Xornada do enfermo cartel wp

O xoves 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, terá lugar un ano máis a tradicional Asemblea – Convivencia que se celebrará na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo.

Os actos iniciaranse ás catro da tarde coa acollida dos socios da Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo e a continuación:

  • Oración inicial e saúdo.

  • Reflexión mariana sobre o lema deste ano en Lourdes: “Misericordiosos como o Pai”, a cargo de D. Jesús Tortajada Pérez, Irmán dos Misioneiros Combonianos, membro da Comunidade Pastoral de Palas de Rei e peregrino a Lourdes (no ano 2015 deu na Asemblea un gran testemuño e o mesmo na festa-convivencia en Lourdes).

  • Información xeral do curso 2.014 – 2.015.

  • Breve exposición da programación do curso 2.015 – 2.016.

  • Presentación das contas e xestión económica do curso pasado e proxecto económico para o curso actual.

  • Suxestións dos asambleístas, para as próximas peregrinacións e boa marcha da Hospitalidade.

  • Vivencias ou resonancias persoais dos participantes.

Tras un descanso, sobre as seis e media da tarde, terá lugar unha Eucaristía concelebrada e presidida polo Sr. Bispo de Lugo.

Espérase unha participación de medio milleiro de persoas. Neste día ábrese o periodo de inscrición para a Peregrinación a Lourdes.

NOVENA. A Hospitalidade de Lourdes colabora na Novena que en honra da Virxe de Lourdes está celebrándose na igrexa de San Froilán (Lugo) ás 19:30h e que está sendo predicada cada día por un sacerdote peregrino a Lourdes.

Campaña contra a fame de Mans Unidas

Victor Gil en Lugo 2

Trinta misioneiros e expertos, cos que traballa Mans Unidas en todo o mundo, contan estes días en varias cidades de España, a súa experiencia de loita contra o fame. En Lugo, o misioneiro en Tailandia Víctor Gil Muñoz está compartindo o seu traballo de loita contra a fame, do 10 ao 12 de febreiro, con conferencias, eucaristías, charlas en centros educativos.

O 10 de febreiro Víctor Gil estivo no Salón de Actos da Fundación Abanca (Lugo) explicando que Tailandia aínda non asume o protocolo da ONU de no discriminación educativa para todo o mundo e non escolariza aos fillos dos emigrantes birmanos. Por iso, en colaboración coa súa congregación -La Salle- e Mans Unidas, creou a Escola de Bambú, onde se dán estudos, alimentación e afecto. 

VENRES 12 DE FEBREIRO ás 18:00 h.: Eucaristía no Seminario e Merenda da Fame. Como xesto de apoio aos 793 millóns de persoas que sofren fame cada día no mundo, Mans Unidas celebra o Día do Xaxún Voluntario e propón doar o importe da nosa comida dese día aos proxectos de desenvolvemento que realiza Mans Unidas. Desde Lugo finánciase un proxecto en Honduras e outro en Zambia.

[Manifesto de Mans Unidas]

Reunión da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo

Reunión Bispo - Xunta Confrarías Semana Santa Lugo

O mércores 10 de febreiro no Palacio Episcopal e presidida polo Sr. Bispo da Diocese, D. Alfonso Carrasco, reuniuse a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo.

Entre outros asuntos tratáronse os seguintes:

Pregoeiro: o Vicario Xeral da Diocese e Deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo. O pregón será no Círculo das Artes o venres 11 de marzo ás 20 horas

Cartel: A cargo do fotógrafo artístico Eduardo Ochoa, que colabora estreitamente coa Xunta de Confrarías desde fai moitos anos. O cartel será presentado co programa en próximas datas, cando se confirmen todos os actos.

Concertos: Celebración de dous concertos de Semana Santa, o primeiro, a cargo da Banda Filharmónica de Lugo, e o II Concerto Coral de Música Sacra.

– Ciclo de conferencias Occidente ante o Século XXI: os días 22, 23 e 24 de febreiro no salón de actos da Deputación Provincial a partir das 20 horas.

Este ano o Vía Crucis levará o nome de VIA CRUCIS DA MISERICORDIA.

 

Non é só cuestión de diñeiro

 No Ángelus do pasado domingo 24 de xaneiro, o Papa Francisco explicaba como o Evanxeo transforma a sociedade e exhortábanos a «evanxelizar aos pobres», e non dar só axuda en clave social ou política.
Alégrome moito de que o Papa falase nestes termos e con esta claridade. Falamos de pobres, inmigrantes, refuxiados… pero confundimos os termos e, sobre todo, as estratexias de actuación, esquecendo os efectos positivos da presenza de Deus no medio do mundo a través do Evanxeo e da celebración sacramental da fe.
Todos estamos de acordo con que estas palabras non debesen existir no dicionario. Máis ben, non deberían existir persoas ás que aplicar estes cualificativos. Por desgraza non é así. Nunca tanto se falou dos marxinados e nunca estivemos tan sensibilizados con estas situacións tan dolorosas. Os novos medios de comunicación, a globalización e a actual situación económica influíron para que a nosa conciencia reaccione -ás veces de maneira pasaxeira- ante o panorama actual.
Tampouco se pode meter dentro do mesmo saco a todos os marxinados. Preséntanse casos moi distintos. Desde Occidente tratamos de arranxar todo isto só con achegas económicas pero non é suficiente e, na maioría dos casos, tampouco é o mellor. Estou convencido de que axudar a algunhas persoas a saír da súa situación unicamente con diñeiro non é o mellor nin o máis eficaz.
Falo desde a autoridade que me dá o atender o despacho de Cáritas da parroquia e o coñecer de primeira man a situación dos que chegan pedindo unha axuda. Non fago este labor só xa que hai voluntarios que axudan moito.
Pódese dicir que en moi poucos casos son problemas meramente económicos. Estes casos solucionaríanse facilmente, pois a parroquia dispón de recursos suficientes para eles. Estamos a falar de persoas con pensións moi pequenas, con algún membro da familia en paro, inmigrantes que tiveron un gasto excepcional… que veñen a Cáritas un par de veces ao ano ou cando están apuradas de verdade, pero a maior parte do ano viven dos seus propios recursos e esforzos.
Os casos restantes podemos dicir, con pena, que son casos perdidos e a solución non pasa por unha achega económica por grande que esta fose. Non se cura un cancro con aspirinas. A cuestión é saber por que se chegou a esta situación e tentar arranxar o problema na orixe, pero isto non lle interesa a ninguén, quizais porque non dá votos. Venden moito máis unhas grandes cifras para asuntos sociais nos orzamentos xerais das Administracións Públicas que propor outras medidas máis efectivas, pero menos populares.
Facendo unicamente curas de urxencia, sen denunciar e sanar a orixe da enfermidade, os afectados nunca recuperarán a saúde integral.
Outro caso distinto é o dos inmigrantes e refuxiados. Nós temos que atendelos como quen acolle a un irmán que vive na mesma “casa común” (encíclica Laudato Si’). O coidado desta casa pasa, en primeiro lugar, por coidar aos da mesma especie, os nosos irmáns.
As causas polas que teñen que fuxir dos seus países de orixe non dependen, polo menos directamente de nós. Nestes casos estamos a falar de complicados problemas históricos e económicos que lles correspondería solucionalos aos organismos internacionais. Pero todos podemos e debemos denunciar as causas e consecuencias destas situacións “caia quen caia” e sendo “a voz dos sen voz”.
Se se fixan, na columna de hoxe case non mencionei para nada a Deus nin á relixión. Mantíveno á marxe. Quizais o mundo fai o mesmo e por iso chegamos a estas situacións tan tristes.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

Peregrinación xuvenil a Fátima

Copia de peregrinacion a Fatima

Máis de 600 mozos de toda España peregrinan ao Santuario de Nosa Señora de Fátima.

De Lugo saen o venres 5 de febreiro pola tarde para chegar a Leiría, onde se fai noite e na mañá do sábado únense a todos os peregrinos. O sábado despois de comer empréndese a camiñada ata Fátima. Ao chegar saúdase á Virxe e celébrase Misa.

O domingo hai exposición de temas, reunións por grupos, e varias experiencias que axudarán no camiño de fe.

O luns tamén hai temas e reunións por grupos, pola tarde hai grupos por lugares de procedencia para celebrar a Misa e vivir as consagracións.

O martes celébrase Misa de despedida e regrésase a Lugo.

A %d blogueros les gusta esto: