Conferencia sobre A India Rural na sé de “A Fundación”

Lancy Dodem

O martes 12 de abril estivo en Lugo Lancy Dodem, o primeiro mozo hindú adoptado pola da Fundación Vicente Ferrer e agora un dos seus responsables.

Lancy sinalou 3 aspectos básicos de Vicente Ferrer:

1) El cría moito na providencia e na capacidade dun mesmo para conseguir os obxectivos que se propón;
2) Acción boa, que concentra todo: Deus, amor…
3) Perdón: quen unicamente pode perdoar mil veces é Deus; pola súa parte, Vicente Ferrer tiña o don de perdoar.

Lancy Dodem tamén se referíu a outros trazos de Vicente Ferrer como a capacidade para preparar líderes ou a súa paciencia. Isto último exemplificouno co feito de que 20 anos despois da primeira aula (con 10 nenos e 2 nenas) conseguíu concienciar á poboación sobre a necesidade de educar á muller (agora a proporción é de 10 nenos e 12 nenas).

Este acto estivo organizado pola Fundación Vicente Ferrer, a Delegación de Apostolado Segrar e a Delegación de Misións.

Charlas sobre as benaventuranzas a cargo de José Antonio González

Jose Ant Gzlez

Durante este tempo pascual, a Delegación Diocesana de Liturxia organiza dúas sesións formativas sobre as benaventuranzas os días 11 e 12 de abril. Baixo o título de “Benaventuranzas: un novo xeito de ser” o profesor José Antonio González García desenvolve o tema en dúas conferencias os días mencionados ás 20:15 h no salón de actos do Colexio dos Salesianos (praza da Milagrosa). A entrada é libre.

 O primeiro día José Antonio González fixo unha presentación do tema: o que Deus quere para sermos nós felices está nas benaventuranzas. Nunhas hai actitudes ante Deus e noutras  actitudes ante os irmáns. Tamén se sinalaron as diferencias entre o texto de Mateo e o de Lucas: este último diríxese a unha comunidade (a grega) cun problema de solidariedade (posto que estaban influídos polas escolas filosóficas gregas, isto é, pola ansia de liberdade e individualismo). En cambio, na comunidade á que se dirixe Mateo hai fariseos, coa súa autosuficiencia.

O Centro de Orientación Familiar Diocesano cumpre 3 anos

En tres anos de existencia o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo atendeu na súa área asistencial a máis de 300 persoas e realizou 1.100 sesións de orientación ou terapia.

Cun equipo de 8 profesionais colaboradores que permiten a interdisciplinariedade, un orzamento moi axustado e un director dedicado a tempo completo, a Fundación COF Diocesano de Lugo conseguiu converterse nun dos COF creados pola Igrexa en España que máis rápidamente creceu nos últimos anos. O COF Diocesano de Lugo xerou atractivo e prestixio para católicos doutras provincias, como Pontevedra, A Coruña ou León, que acoden a solicitar os servizos do COF, ata tal punto que o 30% dos usuarios do COF no último ano proceden das áreas de Santiago e A Coruña. O COF de Lugo recibe uns 50 casos anuais, bastantes máis cós centros homólogos creados noutras dioceses galegas.

[Ver reportaxe en Alfa&Omega]

Como chegan ao COF

“Altamira”: outro tópico anticatólico

Estreouse Altamira, película protagonizada por Antonio Banderas, e a súa orientación non pode ser máis explícita: “Un descubrimento que desafiou á relixión”, proclama o tráiler, presentando a unha Igrexa exasperada contra a ciencia porque as pinturas atopadas en 1879 na cova cuestionarían a fe.

A verdade histórica di outra cousa. O rexeitamento ás pinturas de Altamira proveu especialmente da comunidade científica do momento. Foron os evolucionistas os primeiros e máis tenaces inimigos da autenticidade desas mostras artísticas do home primitivo. Exemplo foi o Congreso de Prehistoria de Lisboa (880). Nel cando se mostraron os debuxos dalgunhas das pinturas da cova, o descrédito reinante fíxose palpable. Cartailhac, a figura máis respectada da arqueoloxía prehistórica, e un dos máximos detractores de Altamira que chegou a acusar a Marcelino Sanz de Sautuola de impostor e de facer el mesmo as pinturas da cova, abandonou deliberada e notoriamente a conferencia, sen facer esforzo algún por ocultar a súa repugnancia. A súa negativa proviña precisamente de supoñer que as pinturas eran unha trampa clerical. Aínda que, morto xa Sautuola chegou a admitir o seu erro e entonou un Mea culpa. Tampouco en España a situación era mellor. Nin a Institución Libre de Ensinanza, nin a Sociedade Española de Historia Natural apoiaron a veracidade das pinturas.

O debate resumíase en dúas posicións: os darwinistas non admitían esa perfección artística nun home primitivo cuxas habilidades terían que ser sustancialmente distintas ás do home actual; con todo, para os adversarios do darwinismo, que aquela beleza tivese miles de anos confirmaba a súa convicción da identidade da natureza humana no tempo.

Dous científicos españois, e profundamente católicos, enfrontáronse á cerrazón dos darwinistas: Sanz de Sautuola e, cando morreu en 1888, o seu gran apoio intelectual e científico, outro católico fiel, Juan Vilanova e Piera naquel momento catedrático de Xeoloxía e Paleontoloxía da Universidade Central de Madríd e máximo experto español da época en fósiles. Vilanova era practicamente o único experto que sostiña a autenticidade das pinturas da cova de Altamira.

No que se refire á Igrexa, o feito obxectivo é que, xa en 1871 sete anos anos do descubrimento da cova, o censor eclesiástico das obras de Juan Vilanova e Piera comentando o libro Orixe, natureza e antigüidade do home, daba o visto bo ás súas obras sinalando que “da Biblia non pode deducirse unha datación xeolóxíca ou biolóxica específica. A Igrexa non declarou o número fixo de anos que leva o home na terra”.

A realidade histórica é que a película deforma os feitos e, que a Igrexa (fóra dalgún personaxe illado) non presentou obxeción ao achado de Marcelino. Porque, pese ao que moitos repiten, a Igrexa non tiña, nin ten, unha doutrina sobre a idade do mundo ou a idade do home sobre a terra, Todos eses personaxes da película que se espantan aferrados ás cronoloxías bíblicas, non son, pois, cribles. Nin representativos da posición da lgrexa.

O mesmo Antonio Banderas matizou nunha entrevista que non podía nin imaxinar que se ía atopar cunha ciencia máis monolítica cá propia relixión. Tamén o bizneto de Sautuola manifestou: “confeso que creo un tanto cuestionable o papel negativo que a película atribúe á Igrexa… dificilmente puido ser un feito tan relevante como se sostén na película”.

Por que entón se presenta o filme como un “descubrimento que desafiou á relixión” e aparece xa desde o cartel de promoción un antipático eclesiástico, o párroco de Santillana del Mar? Enténdese que unha película necesita recursos dramáticos para ser interesante, pero non debería distorsionar os feitos nin o contexto. Porque a visión sesgada e mendaz que ofrece pouco ten que ver coa realidade e si moito con propaganda ideolóxica. Con este sentido, pasará ser vista por millóns de persoas en todo o mundo e será visión obrigada en multitude de centros de ensino. A mensaxe ofrecida e asumido por todos será o mantra de que a Igrexa e a fe católica, foi, unha vez máis, anticientífica. Tópicos da lenda negra anticatólica. Pois vai ser que, polo menos, nesta ocasión non é verdade. E o falso, ou polo menos o non exacto do todo, como tantas outras veces, é o que ensina a película.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros

Peregrinacións á Catedral de parroquias de Sarria e dos nenos de San Antonio de Padua (Lugo)

Copia de Ano Misericordia Lugo  banner

O venres 8 de abril ás 5 da tarde os nenos e xoves de catequese da parroquia San Antonio de Padua (lugo) terán unha experiencia da misericordia de Deus e ao mesmo tempo cumprirase coa proposta que fai o Papa de ir á Catedral e facer unha peregrinación. Aproveitarase a ocasión para facer unha catequese en relación con todo isto. Os participantes entrarán pola Porta da Misericordia, terán uns momentos de oración ante o Santísimo e rezaranlle á María na capela da Virxe dos Ollos Grandes. Neste acto participan todos os grupos de catequese, tanto de primeira comuñón como de confirmación.

O 10 de abril, fregueses do arciprestado de Sarria, gañarán o Xubileo da Misericordia cunha peregrinación á Catedral de Lugo. A primeira hora da tarde do mencionado día sairán autobuses de O Incio, Oural e Sarria. Unha vez chegados a Lugo, haberá un primeiro acto na igrexa dos PP. Franciscanos: será unha celebración penitencial, e ao seu remate iníciase a pequena peregrinación ata a Catedral, faráse a entrada pola Porta da Misericordia e celebraráse unha Eucaristía ás 19 h presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

A %d blogueros les gusta esto: