Conferencia sobre basílicas a cargo de José Alberto Morais Morán

O 12 de novembro, no salón de actos da Deputación, o profesor da Universidade de León, José Alberto Morais Morán, pronunciou unha conferencia titulada “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Augusta Emerita”.

Despois de explicar o termo “basílica” e establecer as diferenzas entre as construídas na Roma imperial e as posteriores, cristiás, preguntouse: “Cales son as primeiras basílicas que hai en Hispania?” E entón falou José Alberto Morais “dun dos primeiros edificios que se teñen documentado e que foi escavado polo Instituto Arqueolóxico Alemán, dirixido por Helmut Schlunk e outros investigadores, que sacaron á luz a chamada Basílica de Marialba de la Ribera, un edificio posiblemente do 300 – 350, antiquísimo, que hoxe está totalmente destruído”. Así que o conferenciante convidou a imaxinar as súas paredes “cheas de mármores, mosaicos, inscricións… Ten un pórtico de acceso, unha especie de nártex, e logo accédese á única nave cunha cabeceira ultra semicircular, onde se colocarían reliquias, na parte fundamental da cabeceira”.

De Mérida, José Alberto Morais destacou a basílica de Santa Eulalia e o Xenodochium do século VI, albergue para acoller aos moitos peregrinos que acudían a visitar o martyrium da santa emeritense. Tamén se referiu o conferenciante a “algo que noutros edificios non se conserva, nin en Mérida, nin en Lugo, é toda a decoración musiva, de mosaicos, que ornaban o chan. Con aves, especialmente os pavos reais, emblema de inmortalidade para a primeira arte cristiá, e que aparecen sempre ao redor do altar”.

No coloquio posterior á conferencia lembráronse as posibles basílicas que existirían en Lugo: nos arredores da Catedral, en Saamasas, en San Xillao.

Publicación sobre o nosopai no Ano da oración

O ano inmediatamente anterior ao Xubileu 2025 está dedicado á oración. E entre outras iniciativas veuse publicando unha colección de libros denominada «Apuntamentos sobre a oración». Acaba de aparecer o oitavo e último volume, que se dedica ao nosopai e a redacción da obra corresponde ao padre Ugo Vanni. El mesmo sintetiza a publicación:

Pártese de Marcos, onde os elementos constitutivos non están aínda relacionados entre eles nunha fórmula de oración. Engádese a fórmula que é presentada en Mateo e Lucas, pero os valores que esta expresa, lonxe de ser illables polo contexto dos Evanxeos respectivos, atópanse reinterpretados e profundados. Paulo, mediante a súa énfase na lei do Espírito, deu un impulso en profundidade: fixo reflexionar á comunidade sobre o que significa a paternidade de Deus e as implicacións que comporta. Por último, Xoán ofreceu unha reelaboración madurada dos núcleos de fondo do nosopai totalmente centrada en Cristo. A fórmula do nosopai non está estereotipada, senón que se converte como na punta dun iceberg: viaxa dentro da Igrexa, provocando reverberacións en extensión e profundidade; anima á Igrexa a madurar e ao mesmo tempo consegue condensar e expresar de novo a maduración conseguida.

[Máis información]

Insensatos!

A insensatez é unha actitude e conduta moi negativa que aparece con frecuencia na Biblia e que o mesmo Xesucristo condena polas graves consecuencias que esta forma de ser ten para a existencia cotiá e para a praxe dunha vida espiritual con sentido cristián.

A traxedia de Valencia abre unha crise sen precedentes e convídanos a todos a pensar e a actuar en consecuencia máis aló das humanas necedades ou posibles insensibilidades. A Igrexa que peregrina en Lugo, sensible á dor e ao sufrimento dos seus irmáns, tamén quere acompañar, de diversos xeitos, a mitigar as necesidades de tantas persoas que sofren as consecuencias dunha das peores DINAS rexistradas en España.

A decisión de que a colecta do Día da Igrexa Diocesana, que se realiza tradicionalmente este domingo de novembro nas 1139 parroquias da Diocese, teña como destino os damnificados, esta cargada de sensatez e sentido común. A sociedade en xeral está a dar un valioso testemuño de entrega, caridade e solidariedade. Xesús de Nazaret coñecía moi ben a situación social que se viviu nos anos 30 do século primeiro. Mentres que en Tiberíades e outras cidades crecía a riqueza, nas aldeas contiguas aumentaba a fame e a miseria. O Evanxelista e médico Lucas, nun fermoso relato de contido relixioso e social (Lc 12, 13-21), revélanos o que Xesucristo pensa e sente daquela situación e doutras similares tan contrarias ao proxecto desexado por Deus dun mundo de xustiza e fraternidade para todos. Na citada parábola, o monólogo do rico descóbrenos o despropósito insensato dos poderosos deste mundo que soamente pensan en acaparar riquezas e enganan ao pobo con falsidades e mentiras que exclúen do seu horizonte aos necesitados. Por iso, o xuízo de Deus é rotundo: Insensatos!

A traxedia de Valencia, aínda que “natural”, debe facernos reflexionar sobre o coidado da casa común, a xusta distribución dos bens e a realización social de proxectos de vivendas e cidades de saudable convivencia que eviten absurdos sufrimentos. Despois de tantos séculos de historia, algúns insensatos descúlpanse con pensamentos inútiles para reafirmar as súas ideas pseudorreligiosas querendo facer crer que os bens e males deste mundo son premios e castigos de Deus. Así, fanse cómplices da maldade establecida sobre a xustiza que clama. Por outra banda, por escandaloso que sexa o tema do mal e do sufrimento dos inocentes, ese escándalo non pode utilizar falsamente o nome de Deus para xustificar o ben como premio ou o mal como castigo.

Desde aí, o tema de Deus está mal exposto e falsificado para sempre. Os confesantes da fe no Deus cristián poderán dicir que se fían del a pesar do mal. O Deus de Xesucristo encarnouse voluntariamente na historia e sufriu as inxustizas dos poderosos na cruz. Non é alleo ao sufrimento humano nin é un sádico desapiadado, nin moito menos a causa do mal. El, está tamén aí, levado polas augas torrenciais da existencia humana, acompañándonos solidariamente nas cruces de cada día para ofrecernos consolo na dor , esperanza na desesperación e salvación fronte a calquera modo de aniquilación. Mesmo pode ocultarse, e ocúltase ás veces, sen deixar de facerse presente en todo o verdadeiramente humano. Por iso, este Deus minor é o Deus semper maior.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

[Artículo en castellano]

Formación en Monforte de Lemos

O 8 novembro comeza en Monforte (r/ Manuel María, 22) o programa formativo que se ofrece a calquera persoa interesada nos temas que se tratarán (diversidade funcional, as leis, o perdón, o final da vida, a conciencia, a familia, a literatura xuvenil, a fe, a corresponsabilidade, os salmos).

O devandito día 8, á hora de comezo de cada sesión -20 h- o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, tratará o tema da “Trindade, a sociedade e a comunidade”.

As restantes 13 sesións tamén serán os venres e os encargados serán a mestra Marisol Bravos, o sacerdote Jean de Dieu Kimenyi Nkaka, o avogado Alfredo Losada, o sacerdote Ramón Piñeiro, o médico José Manuel López, o terapeuta familiar Rubén Díaz, a profesora de lingua e literatura Vanesa Ferreiro, a profesora de filosofía Paula Sánchez Mascareque, o Padre Sinodal Enrique Alarcón García e o sacerdote Antón Negro.

[Formación en Monforte]

Mans Unidas convoca unha nova edición das ’24 Horas’

Mans Unidas celebra a XII edición da súa iniciativa «24 Horas» baixo o lema #AcendeAChama, unha acción global que se levará a cabo do 9 ao 10 de novembro co obxectivo de iluminar o mundo enteiro cunha mensaxe de compromiso e esperanza.

Trátase de mobilizar a persoas de todas as idades e recunchos do planeta para que acendan unha chama que transcenda fronteiras e achegue un pouco máis a xustiza e a igualdade a quen máis o necesitan.

Na actual edición de «24 Horas», Mans Unidas fai un chamado especial á mocidade, para que participe activamente e convértase en axente de solidariedade e en exemplo de esperanza para as súas comunidades.

A partir das 20 h do 9 de novembro poderá verse na canle virtual creada ao efecto, as imaxes de quen se fotografaron cunha candea para que esa luz de desenvolvemento viaxe de Norte a Sur.

—————–

 Por outra parte, e con motivo do desastre da DANA no leste de España, a Comisión Permanente de Mans Unidas decidiu realizar unha doazón extraordinaria de 25.000 euros a Cáritas España, que conta coa estrutura e experiencia suficiente para a atención e apoio ás comunidades afectadas. Máis información.

A %d blogueros les gusta esto: