A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza o Certame de Investigación Condado de Pallares, que na súa undécima edición gañárao Alberta Lorenzo Lastres cun traballo sobre o traslado dos templos románicos. No ano 2022 volveu gañar o Certame, e nesa ocasión abordara como eran os templos románicos no conxunto dos mosteiros femininos. Este último traballo acaba de ser publicado co título A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos e preséntase o venres, 27 de setembro, ás 19:30 h no Cuartel Vello de Taboada.
A doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña Alberta Lorenzo ten publicacións sobre a Vía da Prata, o Camiño Portugués, os cruceiros de Betanzos e Sanxenxo. E na revista Lvcensia (nº 63) o artigo “A arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade”.
As persoas aumentan o seu sentido en vida ao estar asociadas e ao ter conviccións relixiosas, existindo unha interacción entre ambas as variables que acentúa tal sentido. É algo que miden o test PIL [Purpose-In-Life] e Logotest. O test PIL é menos sensible ás conviccións relixiosas que o Logotest.
– As persoas asociadas con conviccións relixiosas considéranse con maior capacidade de control sobre as súas vidas.
– O factor flexibilidade axiológica (do Logotest) mostra unha menor flexibilidade nos asociados con conviccións relixiosas, no relativo á dialéctica entre relativismo e dogmatismo.
– Hai un efecto beneficioso para a saúde mental da apertura aos outros en forma institucionalizada, como é o asociacionismo.
– Entre os asociados con conviccións relixiosas hai un balance existencial positivo, que vai acompañado do achado de metas e tarefas a realizar.
– O sentido na contorna parece potenciado nos adultos con conviccións relixiosas que non se asociaron, orientándose máis cara á familia que ao exterior.
O texto anterior é un extracto do artigo publicado en Nous: Boletín de Logoterapia y Análisis Existencial, 51 por Ángeles Noblejas, que é doutora en Ciencias da Educación e Vicepresidenta da Asociación Española de Logoterapia.
O sábado 28 de setembro na Casa Sacerdotal de Monforte (r/Manuel María, 22) María Ángeles Noblejas será unha das participantes na Xornada de formación “Darlle un sentido á vida”.
O 18 de setembro presentouse no Museo Provincial o libro Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular. De la cera a los cuadros votivos, de José Fuentes Alende. Presentaron o acto Iria Castro, Delegada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Contouse coa presenza do prologuista José Manuel Blanco Prado, que sinalou que “con esta obra o autor situase como autor máis importante en Galicia de ofrendas e exvotos. Ademais, é un libro a ter en conta na relixiosidade popular do Estado español e na relixiosidade popular a nivel mundial”.
A conclusión do acto correu a cargo do autor, José Fuentes, que, entre outras cuestións, dixo o seguinte:
“Cito xemplos de que practicaban a relixiosidade popular desde os membros do clero, xentes da nobreza, da burguesía, de todo tipo, ofrecían a uns santuarios exvotos de trigo, por exemplo, animais vivos, hábitos… o que segue facéndose, hoxe, en moitos santuarios”.
“Hai diversos tipos de exvotos, a priori ou a posteriori.
“A priori son os que facemos por unha enfermedade ou por un perigo, pedindo a un santo a súa intercesión para que nos cure, para que nos salve dese perigo, e logo ofrecerlle unha dádiva, que é de obrigado cumprimento.
“A posteriori son os que se ofrecen por ter recibido ese favor de Cristo, da Virxe, do santo.
“Os exvotos máis frecuentes son os de cera, desde as velas ata as figuras de cera, de partes do corpo, tanto exteriores como interiores. Hai figuras humanas de nenos que poden obedecer tanto a enfermidade do rapaz como a problemas de fecundidade. Hainos tamén de madeira, principalmente pernas e brazos, que atopei nos santuarios dedicados a San Mauro, protector principalmente da reuma. Hai exvotos metálicos, ou lámpadas, das que teño localizadas oito, especialmente do século de XVII, e todas por un mesmo estilo”.
O cantante Rubén de Lis está a realizar polo norte de España a súa xira co título “Transformando vidas con propósito”. Este ano faise referencia á bula do Papa Francisco Spes non confundit, que traballa coa esperanza e Rubén de Lis súmase á difusión desa mensaxe no ámbito musical cos seus concertos-testemuño.
Ademais de actuacións na Rioxa, Bilbao e Vitoria, o venres 20 de setembro estará en Sarria (20:30 h na igrexa do Rosario), o sábado 21 en Quiroga (19 h na igrexa) e o domingo 22 no Centro Penal de Monterroso (17 h)
A Comisión para a Evanxelización, Catequese e Catecumenado da Conferencia Episcopal ofrece unha oportunidade para a formación como catequista e como axente de evanxelización.
Este ano traballarase o tema de “Catequese e Familia”, un reto apaixonante co que se atopan todos os sacerdotes e catequistas no ámbito da parroquia pero tamén noutros espazos de evanxelización como poden ser as clases de Relixión.
Despois de inscribirserecíbese por correo electrónico a ligazón para conectar por youtube coa sesión de formación e testemuño en directo. Cada unha das 9 sesións será os mércores de 17:30 a 18:30 cada quince días a partir do 16 de outubro. Se fose imposible conectar, ao día seguinte estará dispoñible na canle de youtube do Secretariado da Comisión.
Os relatorios e os testemuños axudarán a dispor dalgunhas claves para chegar aos pais e poder anunciarlles a eles tamén a Boa Noticia do Evanxeo.