José Manuel
Informativo diocesano en Cope Lugo
Cada domingo ás 9.45h podes estar ó tanto da actualidade diocesana a través da radio. Podes acceder desde esta páxina ó último programa realizado, do 16 de xuño, no seguinte enderezo:
[Informativo Diocesano en Cope Lugo]
Celebración do Corpus na Praza de Santa María
Fieis de todas as parroquias de Lugo asistiron o domingo, 2 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María, á Eucaristía da Solemnidade do Corpus, presidida polo Bispo da Diocese.
Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, lembrou que a “festividade de Corpus celébrase de extremo a extremo da terra e, en Lugo, vívese de forma especial pola permanente presenza do Santísimo na nosa Catedral, expresión da fe deste pobo á Eucaristía”.
“Mirando ao Santísimo -continuou o Bispo de Lugo- coñecemos cal é o Deus verdadeiro. Xesús home que deu o seu corpo e sangue por nós é o noso Deus”. Terminou a súa homilía facendo mención á celebración do Día da Caridade: “A lei do Señor é unha lei de caridade, de dar e darse; isto úrxenos aos cristiáns a atender ao que temos á beira e non despedilo cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha”.
Despois da celebración, todos os movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias e representantes de colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese, participaron na procesión de Corpus: o Santísimo, na carroza que o porta, percorreu as rúas do centro da cidade.
Coincidindo con esta celebración, as parroquias do arciprestado de Lugo peregrinaron á Catedral, como xa fixeran doutros lugares da Diocese. Todos os fieis recibiron un exemplar do libro-guía En_clave de fe (unha visita á catedral seguindo o credo).
Pregón da Caridade a cargo de Mons. Carlos Amigo no Círculo das Artes
Mons. Alfonso Carrasco acompañou ó Cardeal Amigo, xunto co director de Cáritas, Ginés Plaza, e o delegado, Antón Negro
[Escoitar – Baixar o Pregón en formado MP3]
Como dicía o título –A caridade: o mellor pregón para a xustiza- Mons. Carlos Amigo relacionou ambos os dous conceptos: “É importante que a caridade non oculte a xustiza, ao contrario, a caridade é a apoteose da xustiza. Incluso cando a xustiza rematou o seu camiño, a caridade continúa crecendo. Son inseparables”.
Outra vinculación que fixo o cardeal foi entre caridade e misericordia. Esta supón gardar o mellor que un pode ter (xenerosidade, compaixón…) para ofrecelo aos demais.
Referiuse tamén o pregoeiro a Lugo dicindo que “escribiu a súa historia milenaria coa adoración fervorosa e constante da santísima Eucaristía”.