Con motivo dunha celebración das Adoradoras Presenciais, a finais do ano pasado estiveron en Lugo o consiliario nacional P. Postigo e tamén Eugenia Kirkpatrick. Esta asociación eucarística ten as súas peculiaridades: unha devoción forte ao Sagrado Corazón de Xesús, á Virxe e un amor grande á Igrexa e ao Santo Padre. Outros trazos cóntaos Eugenia nas seguintes liñas.
– Fáganos unha presentación das Adoradoras Presenciais
– As Adoradoras Presenciais do Santísimo Sacramento forma parte da Rede Mundial de Oración do Papa (Apostolado da Oración). Trátase de intentar ser os xeonllos do Papa e facer presente diante do Señor a intención que o Santo Padre manda mensualmente a nivel mundial. Esa é a razón pola que nós só facemos adoración unha noite ao mes, que adicamos a rezar por esa intención, e no mes seguinte pola nova intención. Cada unha das 13 dioceses onde hai Adoradoras Presenciais marca o día de mes. En Lugo é o cuarto venres de mes.
– Como se desenvolve cada encontro mensual?
– Comézase co rezo de vésperas, Eucaristía ás 22:30 h, permanécese en silencio ata as 3 da madrugada, intre no que se volve rezar o oficio de lecturas e volvemos a estar en silencio. Ás 5:30 h da mañá rézase o Rosario, laudes e oracións polos sacerdotes, polas vocacións e a intención do mes. Conclúse ás 6:30 h Non sempre resulta doado pasar a noite pero enténdese se temos en conta o amor a Deus e á Igrexa. Ofrécese ese tempo .
– Fálenos de vivencias que teñen as adoradoras
– As persoas que se achegan por primeira vez van con expectativa, impresionadas, porque é un prato forte. A verdade é que unha noite ante o Señor enche de vitaminas espirituais, necesarias para vivir, e ao final da adoración a xente sae transformada e entusiasmada. É moi positivo ter ao Señor tan preto, que nos chame a facerlle compañía durante a noite.