Onte celebrouse o Día da Igrexa Diocesana. É esta unha xornada na que se nos lembra a nosa pertenza a unha Diocese.
Todos, especialmente no mundo rural e sexamos máis ou menos practicantes, temos claro o sentido de pertenza á nosa parroquia, á que sentimos como algo propio. Non pasa así co sentimento de pertenza a unha Diocese, xa que é algo que nos adoita quedar máis lonxe e polo que tamén perdemos o sentido de fraternidade cos fieis das parroquias máis afastadas á nosa.
É xa tradicional que por este día se fagan públicas as contas das dioceses (pódenas ver na revista que se distribuíu en todas as igrexas). Adoita ser algo polo que todo o mundo ten moita curiosidade, mesmo para os que din non ser membros da Igrexa, coma se fose algo misterioso do que non se pode saber nada.
Con todo, no día a día non é algo que demanden aqueles que senten á parroquia ou á Diocese como algo propio. Os que acoden habitualmente á igrexa, para vivir e celebrar a fe en Xesucristo resucitado, coñecen con detalle as necesidades materiais das parroquias e de onde veñen os seus ingresos, e colabora cada un en función das súas posibilidades. En calquera caso, para quen non o saiba, os ingresos das dioceses e das parroquias veñen na súa maioría da achega dos fieis: ben por donativos directos, ben pola asignación voluntaria a través da declaración do IRPF.
Quen analice un pouco as contas da nosa Diocese pode pensar que os números son demasiado grandes. Pero tamén para isto necesitamos asomarnos e achegarnos á realidade diocesana, para ver todo o que hai, a pesar de estar nunha época de decadencia. Se cadra non é tanto se nos decatamos de que hai que atender 1139 parroquias (ademais doutros lugares de culto) coa correspondente conservación dos seus templos e instalacións; tamén hai que pensar no sustento dos 200 sacerdotes, así como da nómina das persoas que traballan na Diocese, dedicadas a tarefas administrativas e pastorais.
Pero a parte económica, a pesar de ser a máis rechamante como dicía máis arriba, non é a máis importante. É verdade que os recursos económicos facilitan as tarefas, pero non son o esencial.
Todos sabemos perfectamente que hai cousas que non se compran con diñeiro. Na miña vida de sacerdote recoñezo que moitas veces dubido acerca de se todo o que fago servirá de algo, porque vexo como moitas veces todo queda reducido a un «evento social» ao que me chamaron por unha tradición.
Pero outras veces, hai pequenos milagres que compensan con fartura o negativo, como cando chega alguén ao despacho e diche «veño falar un intre» e alí solta todo o que hai que soltar. Ou cando che envían unha mensaxe para comunicarche unha boa noticia e dicirche que «cantas cousas me saen ben co meu cambio de vida ao Señor». Ou o peregrino que pide confesarse porque «trae a mochila cargada con pedras moi pesadas», e que che di que agora xa se vai moito máis lixeiro. Ou o fregués que che agradece as palabras da homilía no funeral do seu pai porque lle deron moita paz.
Isto e moito máis é a vida da Parroquia e da Diocese, non en balde, aquí todos poden atoparse co mellor: Xesucristo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada