Hai pouco celebramos o Arde Lucus. Elegantes caracterizacións de romanos. Provectos senadores. Orgullosos e elegantes castrexos. Gladiadores. Sumisos escolares baixo os máis variados lábaros cristianizados. Ritos equívocos como bautizos, bendicións, lumes sacros… Lucus baixo a aguia imperial, aurigas e tropas, campamentos e templos, ofrendas e deuses. E os heroes lendarios do Medulio convertidos en resignados e mansos veciños.
Até aquí o lúdico, a simulación. A lembranza. Até aquí a historia, o legado que agradecer. A Roma máis fecunda e autora dunha cultura.
Agora chega a festa, o encontro humano, a fe. Aquilo é externo, tumultuoso. O que chega é vivencial, profundo. Son raíces con froitos de eternidade. É historia viva, presente e creadora do Lugo máis actual. Celebramos a festa máis antiga e significativa da Cidade do Sacramento: Corpus Christi.
Despois de dous anos longos, nos que estivemos illados por horas interminables, a nosa alma pide a berros, de novo, encontros con corazón. E Xesucristo na Eucaristía agarda ese encontro do que o ama e cre. Espera encontros con cada lucense. Imos ao seu encontro.
A Praza de Santa María, cal vasilla nutricia, acolleu este domingo, ás 11, a Eucaristía. Resoa “Cantemos ao amor dos amores, Deus está aquí”.
É o amor expansivo. O Corpo que se dá en Caridade a todos. Como diría Madre Teresa de Calcuta, “Aquí Xesús está en forma de pan. Pero no mundo da miseria, nos corpos feridos, nos nenos e abandonados é onde tamén o vemos e tocamos”.
Día de Cáritas. Proposta pola fraternidade na que ofrecemos o noso compromiso humano e cristián. A festa do Corpus Christi non contabiliza aos miles de visitantes á nosa cidade, nin aos cuantiosos beneficios económicos que reporta. Convídanos a soñar a grandeza profunda da fe que comporta alimentar o lume do forno interior no que se acende e nutre a caridade. Esíxenos achegarnos aos pobres e oprimidos, a defender a dignidade de toda persoa. “Felices os cristiáns aos que a fe lles sae polas obras como sae dos pulmóns a respiración” (Martín Descalzo). Si, felices os que enchen a súa vida da sabedoría do amor, da caridade.
Este Corpus queremos apostar por construír as nosas vidas sobre as columnas do amor, a xustiza, a paz, a sinxeleza, a fe. Actitudes que non recortan a vida, senón que a multiplican. Non a recortan, fecúndana. Porque “os verdadeiros infelices son os que pasan a vida dicindo eu e sempre eu” (Follerau).
Arde Lucus dá a man ao Corpus Christi. Escribiu María Rosa de la Vega Araujo:
Dios y Lucus en pacto inmemoriado
Pan Eterno en las mieses de su Historia,
del misterio blasón y ejecutoria,
ostensorio de Amor privilegiado,
Hoy el Corpus celebra emocionado
-con la humildad del polvo y de la escoria
vestida de luceros, sol y gloria-
el pueblo que en Viril has transformado…
Daniel García
Párroco de Albeiros e cóengo da Catedral