A educación relixiosa non se impón, proponse. Como tampouco se impoñen as crenzas nin se deben impoñer os modelos de educación aos propios pais. É a educación relixiosa unha educación transversal de modo que difícilmente se entenden as demais materias sen unha base cultural relixiosa. Non me explico como entender a historia de Europa e de España sen a mención das relixións e da Igrexa Católica. Nin a pintura, nin a arquitectura, nin a escultura, nin a música, nin a arte en xeral. Nin a lingua, nin a literatura, nin a ética, nin a bioética, por sinalar algunhas materias. Cónstame que en literatura, o gran libro dos libros, o número un no mundo, nin se cita; ignórase. Alumnos das nosas facultades non coñecen a Biblia. Nunhas recentes declaracións, o secretario xeral da Federación de Ensino do sindicato Comisións Obreiras, Francisco García, apuntaba e lamentaba o feito de que o número de alumnos inscritos en Relixión na Comunidade de Madrid crecera o 150%. E estes son os defensores das liberdades. A proposta da Igrexa en España e na maioría das escolas públicas dos países europeos regúlase desde a libre opción de pais e alumnos. De aí a demanda constante dun pacto de Estado para a educación en España de modo que a Conferencia Episcopal Española (en diante, CEE) en concurrencia e co acordo do Goberno estatal, sinale os horarios equiparables para a materia en todo o Estado, co fin de compasar o currículo coa necesaria carga horaria para un ensino adecuado da materia, e cumprir, de forma homoxénea, cos contidos curriculares, criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe fixados pola CEE. Esta, presentou, xa en abril, a campaña institucional para promover a inscrición dos alumnos na materia. Cada ano, os pais e alumnos, en España, expresan maioritariamente a súa opción pola materia de Relixión. Baixo o lema Apúntome a Relixión, a campaña diríxese por primeira vez aos adolescentes que xa non se inscriben en Relixión ou que nunca se apuntaron a esta materia. A perspectiva utilizada na citada campaña insiste na liberdade para elixir estes estudos, co lema Se o cuestionas todo, cuestiónate por que non ir a Relixión; pero parte da campaña tamén se dirixe cara aos pais, subliñando o seu dereito a elixir o modelo de educación dos seus fillos coa responsabilidade que iso implica (www.meapuntoareligión.com). A posibilidade de elixir ou non a clase de Relixión é un dereito constitucional básico, recollido así mesmo pola declaración universal dos dereitos humanos. A. González-Varas Ibáñez, acaba de publicar La enseñanza de la Religión en Europa. Este libro ten por obxecto a exposición das diferentes modalidades sobre o ensino relixioso nas escolas públicas dos países europeos, así como os criterios que mostraron sobre esta cuestión as organizacións internacionais, ademais de comprobar as expectativas de futuro que ofrecen neste campo. A inmensa maioría dos países do continente explican relixión nas escolas públicas, ben sexa de modo confesional, ou afrontándoo como un feito histórico ou cultural. Non estaría mal que tomasen nota os nosos políticos.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese