O pasado xoves 18 de xuño dábase a coñecer para o mundo, a nova Encíclica do Papa Francisco. Invito, desde estas páxinas, a unha primeira lectura, coa convicción de que realmente vale a pena. É evidente, que a Igrexa, chamada a construír un mundo mellor a través da civilización e da cultura que emana do Evanxeo, non pode afastarse do gran obxectivo que a Encíclica propón: unha ecoloxía integral. Pódese afirmar que este é o paradigma que articula toda a Encíclica entrelazando as relacións fundamentais da persoa: con Deus, consigo mesmo, cos demais seres humanos e coa creación.
Estamos pois, ante un documento de gran valor universal, escrito para as persoas de boa vontade (católicos, membros doutras relixións, e cidadáns en xeral) que levan no seu corazón a ilusión por deixar no universo, pegadas de verdade, de ben e de beleza.
A Encíclica toma o seu nome do Cántico das creaturas de San Francisco de Asís que loa ao seu Señor desde a fonda experiencia de fe no Creador (“O Evanxeo da Creación”, capítulo II). Desde esta experiencia, recórdasenos que a terra, a nosa casa común, “é tamén como unha irmá coa que compartimos a existencia, e como unha nai fermosa que nos acolle entre os seus brazos”. Nós mesmos somos terra (Xn 2, 7); o noso propio corpo está formado por elementos do planeta, o seu aire dános alento e a súa auga vivifícanos e restáuranos.
Unha mirada observadora da realidade leva ao Papa Francisco a poder afirmar, con dor, que a terra está maltratada e saqueada e os seus xemidos únense aos de todos os pobres e abandonados do mundo. Unha afirmación común dos teólogos da liberación é que se a terra morre, morremos todos. O Papa asume esta tese. Por iso, é esencial aprender a coidar con agarimo á Nai (A Gaia, en expresión de J. Lovelok) a partir dunha radical conversión ecolóxica, asumindo a urxencia e a fermosura do desafío que se nos presenta ante o coidado da casa común.
Infinidade de temas para a reflexión e para a conversión ofrécensenos aquí dun xeito sinxelo e profundo: O que lle está pasando á nosa casa (a auga, a perda da biodiversidade, o deterioro da calidade de vida, a inequidade planetaria…). No cap. II, ao que xa fixen referencia, ofrécesenos a luz da fe desde a perspectiva ecolóxica, a sabedoría dos relatos bíblicos, a harmonía de todo o creado, a necesidade da comuñón universal que brota do misterio de Deus como misterio de comuñón, etc. Ofrécense, ademais, liñas de orientación e acción, así como unha proposta educativa desde a espiritualidade ecolóxica.
Apostar por outro estilo de vida, vivir desde o silencio e a vida contemplativa transformando a realidade con sentido, e orar, si, xa que a Encíclica péchase co texto de dúas fermosas pregarias, unha para compartir con outros crentes e outra específicamente cristiá. Unha nova ocasión para o diálogo e o crecemento persoal e comunitario. Laudato si.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral