Nunha excursión a un monumento un dos mozos dixo ao chegar: “Viñemos aquí total para ver un montón de pedras”. A resposta xurdiu espontánea: “Se non ves aquí máis ca un montón de pedras, a verdade é que non che mereceu a pena vir”
O edificio da foto que encabeza esta entrada é galego e está na raia con Portugal. É coñecido como o Forno Románico Comunitario da parroquia da Xironda (Cualedro, Ourense). Xusto ao outro lado da raia está outro forno xemelgo na localidade portuguesa de Santo André. O forno certamente está ben construído para permanecer longo tempo.
Destes edificios comunitarios fálase pouco porque non encaixan ben nas ideoloxías dominantes da actualidade. Segundo elas podemos dicir que non é de propiedade privada, ben sexa propiedade privada individual, sociedade limitada ou sociedade anónima. Tampouco é de propiedade estatal, tanto do Estado, coma da Autonomía, Deputación Provincial ou Municipal. Dito doutra maneira non pertence a ningún dos dous poderes económicos e políticos dominantes.
Esta propiedade e o seu uso comunitario polos veciños móstranos ensinanzas moi importantes se apostamos pola promoción e liberación dos pobos e dos pobres, buscando que o poder estea socializado e, por tanto, resida nos pobres. Algunhas ensinanzas son:
– Sae moito máis barato. Se cada veciño fixera un forno individual gastaría máis tanto en materiais coma en horas de traballo empregados na súa edificación. A calidade da obra no forno comunitario é moi superior e o custo moi inferior en comparanza cos individuais. Por outra parte, tampouco se pode esquecer que deste xeito seguen quedando bastantes máis recursos dispoñibles no presente e no futuro para os comuneiros.
– Se ademais o custo o distribuímos ao longo de toda a vida útil do forno a inversión anual é insignificante para unha obra tan consistente que perdura centos de anos. A eficiencia económica dun investimento non se pode reducir a ter só a perspectiva dun ano ou unha década. A eficiencia económica deste investimento salta á vista de calquera que queira pensar.
– Esta obra tamén é profundamente ecoloxista dado que se empregan moitos menos recursos naturais na súa construción que facendo fornos individuais. No forno, ao cocer tódolos días, e varias veces ao día, gástase menos leña, consúmese menos enerxía para quentalo para cocer o pan, co que temos unha maior sustentabilidade ecolóxica. Dende os nosos prexuízos poderíamos dicir que eran ecoloxistas sen sabelo, pero a verdade é que eles sabían moi ben que estaban coidando dos bens comúns para eles e as xeracións futuras; estaban coidando da sustentabilidade do planeta.
Este tipo de edificios fomenta a asociación, a unión entre os veciños, feito que lles dá poder e capacidade para levar adiante os seus proxectos. Non esquezamos que nas loitas obreiras de primeiros de xullo de 1855 en Barcelona con folgas, paros… reprimidas polo Capitán Xeneral de Cataluña a manifestación ía presidida por unha pancarta co lema de “Asociación o Muerte”. Penso que case todos sabemos que as ditaduras impiden por lei ou limitan fortemente o dereito de asociación, pero as democracias liberais fomentan unha cultura individualista e educan nela, tanto na ensinanza coma nos medios de comunicación e formas de vida.
Unirse, asociarse, dálles aos empobrecidos capacidade para protagonizar a vida social e económica. Dálles poder aos pobres e, como consecuencia, rebáixallo aos poderes económicos e políticos. Cando na campaña electoral se nos prometía que nos ían facer… ían facer… dalgunha maneira lle dicían ao pobo: “Vós non valedes, non podedes, sodes un tanto inútiles”. E polo tanto, “nós, si valemos e podemos, e está ben que teñamos máis poder”. Pero o exercicio da dignidade persoal non nos permite dimitir do protagonismo solidario na vida social, económica e política. Así se entende que este forno nos mostre a capacidade política, o poder político dos veciños, dos cidadáns.
Para terminar esta reflexión penso que ante esta obra comunitaria hai unhas preguntas de non difícil resposta como poden ser: De onde sacaron as ideas e coñecementos para facer este tipo de obras? Que persoas alentaron a creación dunha conciencia comunitaria? Como se alimenta unha cultura de índole comunitaria? Pero hai outra pregunta quizais de non tan doada resposta: Por que os poderes culturais e universitarios falan tan pouco destes edificios?
Antón Negro