Xesucristo explica que El veu «dar plenitude á lei». Para iso ofrece uns exemplos concretos de como leva a cabo esta tarefa (Mt 5, 17-37) e fala da necesidade de perdoar e de devolver ben por mal aos demais (Mt 5, 38-48).
No momento actual hai moita necesidade de perdoar, tanto aos demais como a nós mesmos. Hai inimizades de todo tipo que duran máis do debido e que non conducen a ningunha parte. E o colmo é cando os protagonistas dalgúns desencontros están a desexar arranxar as cousas, pero «polo que dirán» non se atreven a dar o paso.
Hai demasiadas feridas emocionais que necesitan ser curadas para que non se convertan en enfermidades crónicas que só supuran máis maldade e desasosego.
Hai demasiados corazóns rotos que só o corazón de Xesús é quen de reparar. En Cristo é posible o encontro. Só é cuestión de pór todo nas súas mans e deixarse guiar por El.
Necesitamos con urxencia aprender a perdoar e aprender a pedir perdón. Necesitamos facer un exercicio sincero de recoñecer as nosas debilidades e as nosas feridas para poder ver o mal que fixemos ou facemos aos demais ou a esa persoa concreta coa que agora custa o entendemento.
Isto só o ensina Aquel que cargou cos nosos pecados e que nos ama con entrañas de misericordia: Xesucristo.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada