O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e doutros medios de información e formación.
Nesta reflexión resúmense as seguintes ensinanzas:
1) Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudos de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.
Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara ao ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con xustiza e ética.
2) É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos utopía, metas a acadar, ideal de vida… unha gran esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da ética e da xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.
3) Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender aos adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.
4) Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.
5) En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS. Tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ao ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.
En contraposición, alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara á pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o voto de pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en fraternidade.
6) Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes… e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.
Tamén sería boa ocasión para aprender algo de constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e xerarquía normativa, tratados internacionais e dereito internacional. Igualmente sobre outras temáticas como a nación e a política vividas como secta relixioso-mística, o poder da ideoloxía e da economía, entender como grupos políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas