Aos poucos, paso a paso xa estamos chegando á 3ª semana de Coresma. Moitas veces referímonos a este tempo penitencial e de preparación como un camiño que temos que percorrer. Como sempre, o tempo pasa voando e, case sen decatarnos, achegámonos tímidamente á Pascua.
Algúns, quizais moitos, vemos a Coresma como un tempo escuro e tristón, case como o mes de novembro. Estes sentimentos son lexítimos e débense á contemplación das nosas miserias e infidelidades, que a conversión coresmal pon máis de manifesto.
Con todo a luz que ilumina a vida dos cristiáns e do mundo non se apaga nunca, tampouco neste tempo. Unha luz que ilumina a nosa vida para que podamos saír con dignidade da escuridade na que nos some o pecado.
O Fillo de Deus resucitado é esa luz que aluma a escuridade do pecado e da morte. A meta da carreira coresmal é o sepulcro baleiro iluminado pola resurrección de Xesucristo.
Esta meta motívanos para facer este camiño cun ánimo renovado. Non camiñamos cara a ningún lugar. Camiñamos cara á casa do Pai misericordioso que espera aos seus fillos cos brazos abertos para darlles a mellor das herdanzas.
Neste camiño tamén temos momentos de avituallamento. O Papa, na mensaxe para a Coresma deste ano, invítanos a participar nunha xornada de oración e penitencia que el chama “24 horas para o Señor”. Este ano a invitación é máis forte, se cabe. En moitas parroquias e lugares da Diocesis organizarase algo neste sentido. Na parroquia de San Froilán haberá tamén unha vixilia de oración. Será o venres, 4 de marzo, desde as 9 da noite ata as 12.
Miguel Ángel Álvarez