Álvaro del Portillo, primeiro sucesor de San Josemaría, fundador do Opus Dei, será beatificado o sábado 27 de setembro en Madrid, cidade onde naceu fai cen anos.
Enxeñeiro pola Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade Politécnica, onde estudou entre os anos 1934 e 1941,titulou a súa tese de doutoramento Proxecto de modernización dunha ponte metálica antiga (Ponte sobre o río Lor Lugo). Incorporouse ao Opus Dei en 1935, sete anos despois da súa fundación, e ordenouse sacerdote o 25 de xuño de 1944. En 1946 fixou a súa residencia en Roma, onde continuou á beira de san Josemaría ata o falecemento o 26 de xuño de 1975. A vida de Álvaro (1914-1994) demostra especial atractivo pola súa fe en Deus, a súa capacidade de traballo e a súa fidelidade. Para el a clave do verdadeiro “éxito” era: poñer o talento ao servizo dos demais. O seu servizo infatigable á Igrexa manifestouse, ademais, na dedicación ás tarefas que lle conferiu a Santa Sé como membro ou consultor de trece organismos e, especialmente, mediante a súa activa participación nos traballos do Concilio Vaticano II.
Agradezo a Deus que me permitise convivir con el durante os días de 1988 que estivo en Costa de Marfil para confortarnos nos comezos do traballo apostólico nese país. As súas moitas calidades e competencias para realizar un inmenso traballo ao longo da súa vida, tanto no Opus Dei como na Igrexa; as súas graves enfermidades; etc.; coñecinas polo que me contaron e lin. Con todo, convivindo con el aprendín o que é querer de verdade: pola dispoñibilidade cando se lle solicitaba; pola atención coa que escoitaba; polo interese que poñía en agradecer todo, a Deus e aos que estabamos con el. A palabra grazas estaba permanentemente na súa boca. Como detalle, recordo o encontro que tivo con xente sinxela, agradecendo aos xefes das tribos que cederan os terreos para construír obras sociais e centros de convivencia, foi inesquecible polo inmenso agarimo auténtico que tivo con cada un deles, recordándolles a carga de servizo aos demais que implica a autoridade.
Hai constancia de que D. Álvaro estivo en Lugo acompañando a san Josemaría nunha viaxe a Galicia en setembro de1947. Visitaron a catedral, e rezaron ante o Santísimo e ante a Virxe dos Ollos Grandes. Álvaro levouse unha estampa da Virxe que tivo á vista no seu despacho de traballo en Roma durante tempo. Canto rezaría por Galicia e esta cidade! Hoxe conservo esa imaxe como unha reliquia e pido que siga intercedendo por nós.
No último párrafo da carta pastoral que o actual Prelado D. Javier Echevarría dirixiu aos seus fillos, para preparar a beatificación de Álvaro, dicíanos: “É só unha petición paterna que vos comunico para que, con total espontaneidade e liberdade persoal, sexa sempre máis coidadosa a nosa fidelidade a Deus, á Igrexa, ao Papa. Atrévome a pedirvos que a vosa axuda sexa xenerosa”.
Son moitas as fontes de información que permiten coñecer a vida fecunda e santa de Álvaro del Portillo. Entre os libros editados están: Recuerdo de Álvaro del Portillo; Álvaro del Portillo. Una semblanza personal; Misión cumplida; Álvaro del Portillo. Un hombre fiel; e entre as páxinas web: https://www.alvaro14.org/index.php/eshttp://www.opusdei.es/es-es/section/mons-alvaro-del-portillo/
Jorge Palacios Estremera
Profesor titular da Escola Politécnica Superior da USC