Alí onde nos necesitas…

O lema para o Día de Caridade deste ano 2024 é: ALÍ ONDE NOS NECESITAS ABRIMOS CAMIÑOS DE ESPERANZA. Como calquera lema tamén este ten debaixo unha cultura que pretendo poñer de manifesto neste breve artigo.

A primeira parte do lema, a que vai no título, implica e esixe a SOLIDARIEDADE como unha opción de vida. A solidariedade cos necesitados esixe estar onde están os que sofren, son explotados e oprimidos; por tanto, temos que achegarnos á súa vida para compartila, achegarnos aos que padecen para padecer con, compadecer e vivir unha compaixón real. Ao contrario, cando pensamos en esquemas de poder, o que sucede é que nos apartamos dos empobrecidos como lles acontece aos presidentes de goberno que sofren o chamado “síndrome da Moncloa” illados do pobo. Esta situación de apartarse dos pobres exprésaa ben a sabedoría popular con “hai que ver como cambiou Pepiño desde que lle deron un carguiño!.

A segunda parte do lema, abrimos camiños de esperanza, tamén esixe a opción vital de facer un traballo conxunto cos pobres, no que eles sexan os protagonistas. A cuestión non é que os listos abran camiños para eles, senón que se recoñeza e promova o seu protagonismo na súa propia liberación e promoción. Así o dicía con gran claridade S. Xoán XXIII na encíclica Mater et Magistra nº 144: “Estamos convencidos, con todo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados, é dicir, os propios agricultores”.

No preámbulo aos estatutos da 1ª Internacional afírmase o protagonismo dos obreiros: “A emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos”. Non buscaban privilexios senón os mesmos dereitos e deber para todos e conclúe: “Non máis deberes sen dereitos, non máis dereitos sen deberes”. O protagonismo na propia emancipación vai asociado a asumir a responsabilidade das propias decisións coas súas consecuencias.

O protagonismo da persoa na súa liberación, como ser social que é, non pode ser unha opción polo individualismo senón un camiño compartido, como o lema de Cáritas expresa coa 1ª persoa do plural e que, por outra banda, Paulo Freire na súa obra, Pedagoxía do oprimido, subliña con claridade: “Ninguén libera a ninguén, nin ninguén se libera só. As persoas libéranse en comuñón”. A importancia do diálogo neste camiño faise imprescindible, se queremos crecer como persoas. É máis, cando compartimos experiencias e coñecementos non os perdemos, senón que ao final temos máis experiencia e coñecemento.

No maxisterio da Igrexa o principio da SUBSIDIARIDADE implica o protagonismo das persoas na súa liberación, pois o que pode resolver e solucionar a persoa ou un grupo pequeno non debe resolvelo unha instancia superior. Tamén o papa Francisco na encíclica Fratelli tutti (2020) no nº 169 critica as visións economicistas pechadas que non teñen en conta aos movementos sociais que aglutinan a desocupados, traballadores precarios e informais co que se perde toda a súa enerxía para a construción do destino común. Así o Papa pide incorporar o seu protagonismo, porque “con eles será posible un desenvolvemento humano integral, que implica superar esa idea das políticas sociais concibidas como unha política CARA AOS pobres pero nunca COS pobres, nunca DOS pobres e moito menos incluída nun proxecto que reunifique aos pobos”. Así que nin o paternalismo nin o despotismo ilustrado teñen cabida nesta visión para os traballos de promoción dos pobres.

Querendo respectar en Cáritas, como tamén se tenta noutras organizacións, o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación, empregamos asiduamente a expresión ACOMPAÑANDO PROCESOS, polos que as persoas que acompañamos desenvolven a súa capacidade de protagonizar a súa vida. Non se pode elaborar e decidir o seu camiño no canto de que o fagan eles, porque eles son os suxeitos da súa vida. Isto non quere dicir que todos fagamos o acompañamento sempre ben. Así que, cando non se actúe de forma axeitada, será benvida a corrección fraterna dos demais.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: