Ás veces a mellor definición das cousas é polas súas funcións ou os seus actos no momento actual, aínda que nas súas orixes tivesen outros obxectivos, como no caso da Coresma.
A Coresma nace como un tempo de preparación catequética para aqueles que recibirían o bautismo na gran noite da Vixilia Pascual. Falamos, por suposto, do bautismo de adultos.
Seguimos tirando do fío e preguntámonos por que a Pascua é o tempo máis axeitado para o bautismo de adultos en particular. A resposta é sinxela: no bautismo celebramos a incorporación á vida da Igrexa en Cristo porque pasamos da morte á vida. As tres veces que se derrama auga sobre a nosa cabeza é imaxe dos tres días que Xesús estivo no sepulcro antes de resucitar. Na Pascua anual celebramos solemnemente que Cristo resucitou, que pasou da morte á vida, e por iso é o tempo propicio para o bautismo de adultos.
Entón, como facemos co bautismo dos nenos? Hai que esperar á Pascua? Claro que non. Os nenos deben ser bautizados canto antes. Eles non teñen capacidade para facer actos de fe ou para decidir se queren ser, por iso bautízanse na fe da Igrexa. Agora que os nenos nacen case todos nos hospitais, non ten sentido atrasar máis do debido a chegada dun neno á súa casa, xunto á súa familia. De igual xeito, tampouco ten sentido atrasar a súa chegada á súa «outra casa» que é a Igrexa e a incorporación á familia parroquial, na que vai crecer na fe e o coñecemento de Xesucristo.
Outra cuestión é preguntarnos, entón que sentido ten a Coresma para os que xa estamos bautizados? A resposta é sinxela: renovar o noso bautismo na noite de Pascua coa renuncia ao pecado, a profesión da fe e a aspersión coa auga bautismal. É certo que estamos libres do pecado orixinal, pero non das súas consecuencias, que nos levan a pecar un día si e outro tamén. Por iso necesitamos renovar e actualizar este sacramento, non porque Deus se esquecese de nós, senón porque nós esquecémonos del con moita frecuencia.
Así que, en calquera caso, tanto nos que van ser bautizados como os que xa o estamos, a Coresma é para todos un tempo de preparación para celebrar a Pascua de Xesucristo e as consecuencias que ten para cada un: a nosa salvación.
A Igrexa ofrécenos tres pautas para esta preparación: xaxún, oración e esmola. Pero a forma de concretala e de levala a cabo depende de cada un. A austeridade e o sacrificio ao que se nos convida non é para amolarnos, é para liberarnos das nosas escravitudes que, moitas veces, están disfrazadas de liberdade.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada