Alberto Cano S.J. é un diácono e psiquiatra que se formou como médico interno residente no Hospital Universitario La Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Interveu na XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde celebrada recentemente en Santiago e María José Campo falou con él sobre a pastoral con sanitarios, sendo isto parte do que Alberto Cano contou:
Elementos da pastoral con sanitarios
1) “Atenderá as experiencias reais que están vivindo médicos, enfermeiros, auxiliares, celadores, psicólogos… nos hospitais a que se enfrontan nos momentos de zozobra, querendo vivir a súa vocación con plenitude pero cunhas dificultades que veñen do contexto. Hai que ter en conta as experiencias reais e antropolóxicas dos sanitarios”.
2) “Capacidade de escoita e preguntas xenuínas. Adicar tempo xenuíno para preguntar a médicos e enfermeiros como están, que é o que están vivindo, cales son as súas dificultades”.
3) “Propoñer o mellor da tradición católica como unha capacidade de ofrecer sentido profundo e honesto, espiritualidade e confianza en Deus que vai sostendo todo o que facemos”.
A alma doe
“Non nos doe só algo físico, non nos doe tampouco só o emocional ou psicolóxico; tampouco nos doe só o social (contorna laboral, familiar). Ás veces a alma doe, e son esas situacións nas que nos atopamos co sen sentido, nas que percibimos que dalgunha maneira perdemos a dignidade. A vida ponse costa arriba e non se é capaz de facer unha lectura reconciliada co noso pasado. Aí a alma doe e iso non o poden tratar os internistas, nin os psiquiatras nin os traballadores sociais. Hai outra dimensión que debe ser abordada e o mundo da pastoral da saúde ten unha palabra que dicir en todo isto”.
Labor dos capeláns
“Todo o mundo sabe que hai capeláns no hospital, pero non sempre é doado acceder a eles, non polo capelán, senón porque o entorno de coidados do paciente non ofrece de xeito claro esta posibilidade en temas de dor espiritual, de trascendencia. Coñécese o labor dos capeláns, pero non se accede todo o que se podería. Hai medos, hai prexuízos, pudor, ás veces ofrécese a atención espiritual nun intre no que o paciente está sufrindo e non pode recibir esa atención con paz e sosego. Aí temos o reto de procurar que a figura do capelán moito máis presente nos hospitais, como parte dese coidado integral que desexamos ofrecer. O capelán non pode ser un pegote que está aí para cando o chamen, e debe ser máis accesible para pacientes e familias”.