O Advento mira ao Nadal, como a primavera mira ao verán. O Advento é tempo de gozosa esperanza e de cristiá responsabilidade. O home é máis o que espera que o que posúe. A esperanza convérteo en conquistador; estimúlao a buscar algo mellor.
Ningún ben comparable a Deus no noso mundo e na vida de cada un de nós. Esta divina bondade ofrécenola Xesucristo en Nadal. Hai que facer sitio ao Mesías Salvador. O Bautista úrxenos abrir as nosas portas ao Señor e a acollelo con corazón limpo. Imponse un cambio radical no mundo. Dá a impresión de que no noso mundo non hai espazo para Deus. A nosa sociedade non valora a Deus, pero necesítao.
Urxe cambiar o derrotismo polo convencemento de que “outro mundo” é posible.
Urxe que cambiemos nós mesmos, convencidos de que unha vida máis cristiá é posible.
Urxe cambiar xa, porque o mañá non é noso e porque ao Señor agrádalle a inmediatez. Urxe cambiar o ambiente, xa que os ambientes, bos ou malos, son o resultado de moitos comportamentos concretos, e o ambiente actual é refractario a Deus e aos seus divinos valores.
Urxe cambiar, e convencerse de que nós sós non podemos cambiar o mundo. Necesitamos a axuda do Señor. Nós non podemos facer nada bo sen a axuda do alto. Insistamos pois: “Ven, Señor Xesús”. Pero o Señor, que podería facelo todo sen nós, pide a nosa colaboración e úrxenos: “Estou á porta e chamo”. Abrámoslle, e o mundo será digna morada dos fillos de Deus.
As nosas insatisfaccións de hoxe poden acelerar as solucións do mañá. A sede é acicate para buscar a fonte. A sede é signo de insatisfacción. A insatisfacción é forza que nos move a superarnos continuamente. A capacidade receptiva do ser humano é tan grande que só os valores sobrenaturais poden enchernos. Pero na actual postmodernidade, os valores relixiosos están en desuso. Hoxe o que vale é o “horriblemente fermoso e o tráxicamente divertido”. E as traxedias multiplícanse no fogar, no ensino, na política, na moral…, en case todo. Temos que rectificar e empezar de novo. O Advento pode ser boa oportunidade para poñernos en camiño, con paixón e entusiasmo. Non abondan os exercicios rutineiros. Non basta con peregrinar a Terra Santa ou a Compostela. Todo iso ten un valor relativo. O importante é presentarse ao Señor cun corazón disposto a escoitar a súa palabra, cunha vontade disposta a corrixir defectos e cunha actitude de acollida para todo o que se achegue a nós en demanda de axuda. Os exercicios clásicos de “oración, esmola e xaxún” son palabras gastadas. Revistámolas de paixón e de espírito, para que cobren vida e axuden a impregnarnos do bo aroma de Cristo e a difundilo por este mundo moralmente nauseabundo. Se así o facemos, o Advento será camiño cara a un mundo novo.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral