“Tempo de graza que nos abre a mirada e o corazón ao Milagre Encarnado e, desde El, ao irmán e ao mundo”
Ás portas destas festas tan entrañables, os meus mellores desexos de harmonía e de paz; tanto desde o sentimento humano, como desde a fondura do espírito do Nadal: o aniversario do Señor. Estes bos desexos sen dúbida que están presentes en todos; de aí a riqueza do compartir en múltiples direccións, fortalecendo así os lazos comunitarios e de amizade. Grandeza da condición humana cando nos desexamos comprometidamente o mellor uns a outros.
As circunstancias que nestes momentos tócanos soportar, e nas que nos imos preparando para o Nadal, non son as que todos desexariamos; pero están aí, afectándonos en maior ou menor medida tamén a todos.
Poida que estas circunstancias estean a dicirnos que a nosa paz interior, o sentirnos razoablemente ben e afrontando todo con forza de ánimo e horizonte esperanzador, son realidades ou desexos moi fráxiles se os facemos depender exclusiva ou excesivamente de que “todo” nos vaia ben, de poder gozar de todas as cousas ou de confiar tamén excesivamente na nosa autosuficiencia para arranxalo todo a través dos nosos logros.
Os grandes anhelos do corazón humano están abocados ao fracaso frustrante se só se apoian no benestar que esperamos das cousas e das situacións.
Ao longo do camiño e até o final do camiño, a verdadeira chave para alcanzar con consistencia esa alegría e esa paz está no que imos celebrar moi pronto: o “Deus connosco”, o “aniversario do Señor”.
Cando deixamos ao Señor que nos vaia modulando día a día, tecendo harmonicamente ese dinamismo entre as nosas “grandezas” e as nosas miserias, como vai cambiando o noso mundo interior! Vai cambiando o clima nas nosas familias, as nosas interrelacións…, e o xeito de afrontar individual e colectivamente as circunstancias dos nosos camiños e travesías.
Circunstancias adversas e non desexadas que nos toca soportar moitas veces como pacientes, pero tamén como protagonistas comprometidos para melloralas, para un e para os demais; mellor talvez, para os demais e, en consecuencia, tamén para un.
Por iso, que forma máis auténtica e fecunda de prepararnos para o Nadal abrindo o noso espírito, a nosa vida, os nosos fogares, a nosa realidade social, ao acontecemento divino e salvador que se expresa no máis pequeno, no máis humilde, no máis sinxelo: nun “Portal de Belén”. Este abrirnos é “facer camiño”, camiño que nos marca o Advento como estrela cara ao “Belén”. Isto é centrar e tentar sentir e celebrar o Nadal en clave cristiá, que é a verdadeira.
Se prescindimos da súa dimensión sacra, salvífica, de fe, non é NADAL. En todo caso será ou sería un pretexto para manifestacións e celebracións como as felicitacións, as luces, as vacacións, as reunións familiares e sociais, etc. Moi lexítimo e poida que bo todo isto pero; só por iso, non é Nadal no seu xenuíno/verdadeiro sentido.
Pois resulta que, non desexando para nada esta longa e penosa travesía desde hai case un ano, poida que nos axudenos a celebrar moi fondamente este Nadal, tanto na súa dimensión sacra como na súa expresión relixiosa; aspectos estes tan necesarios canto máis percibimos a nosa fraxilidade e baleiro existencial se só quedamos no puramente humano, social e técnico.
Sen dúbida que a contemplación oracional do Neno Deus, así como as correspondentes celebracións eucarísticas compartidas comunitariamente, farannos máis fortes para afrontar con máis ánimo, e animándonos, as circunstancias adversas do noso camiñar.
E, se estas Festas non podemos celebralas este ano en amplos grupos de familia ou amigos, temos claro que de ningunha maneira faltará nesas ceas e comidas a presenza alentadora do Neno/Deus, talvez facendo así máis fortes os nosos lazos de familia e amizade ao percibir a non presenza e si a distancia.
Que, como Xoán Bautista, preparemos os camiños ao que ha de vir; camiños que Deus quere para todos!
Que, cos Anxos, saibamos deixar resoar no noso corazón a Gloria do Señor!
Que, como os Pastores, adorémolo humilde e gozosamente!
E, que, con María e Xosé, queiramos ofrecerlle ao Neno-Deus un humilde “belén” no noso interior, nos nosos fogares, no noso mundo!
A todos os que ledes estas liñas, deséxovos de corazón o mellor; deséxovos fortaleza de ánimo e, animándonos uns a outros desde esa mirada ampla da grandeza do corazón. Que con esta disposición podamos comezar o próximo ano!
Feliz aniversario do Señor! e feliz próximo ano novo!
Antonio Fernández González