Desde que comezou esta pandemia, alá polo mes de marzo, unha das palabras ou pensamentos que máis utilizamos foi esperanza. Todos esperamos saír desta e queremos manter a esperanza por riba de todo.
Agora comezamos un tempo novo, o Advento, e unha das actitudes que se nos pide para este tempo tamén é a da esperanza. Esperamos o nacemento de Xesucristo, o Salvador.
A nosa, a dos cristiáns, non é unha esperanza en minúscula. A nosa esperanza vai máis aló dunha vacina, por moi importante que esta sexa agora mesmo. A nosa esperanza é a que nos anuncia san Paulo, «En esperanza fomos salvados» (Rm 8,24) e coa que Bieito XVI titulou unha das súas encíclicas.
A nosa Esperanza, en maiúscula, é Xesucristo, que entra na historia, para salvarnos do peor dos virus, o que é produto do pecado e a morte. Esperamos ao Redentor, como espera o montañeiro atrapado que descenda dun helicóptero un rescatador que o ate fortemente a el, para os dous ser elevados e escapar dunha morte segura polas feridas e o frío da neve.
Despois do coronavirus virán outras cousas. Ademais, cantas persoas morreron durante todo este tempo por outros motivos? Por iso necesitamos algo máis, moito máis, que unha vacina. Necesitamos a Xesús connosco. El vén, xa case está en camiño. Agora só falta que nós o agardemos coas portas do noso corazón totalmente abertas.
Este ano, no que todo é especial, tamén o Advento e o Nadal deberían ser especiais: máis xenuínos e auténticos.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada