O pasado 22 de maio presentouse o número 66 da revista que publica a Biblioteca do Seminario, Lvcensia, acto presidido polo Sr. Bispo da diocese, Mons. Alfonso Carrasco e presentado polo reitor do Seminario, D. David Varela.
A primeira intervención correu a cargo do director da revista, D. Gonzalo Fraga, que presentou o novo número:
“A temática deste número abarca distintos temas de historia, arte ou patrimonio. Son temas que nos convidan a valorar a riqueza que nos legaron os nosos antepasa-dos e que disfrutamos. Para aprender a historia hai que coñecela. Por iso, ten sentido que partindo desta historia limitada e no seu ámbito xeográfico, podamos tamén contribuír a unha visión máis ampla da historia. No concepto de historia incluímos as distintas manifestacións de ciencia e da cultura nas súas diversas vertentes. Todo pasado é historia e todo pasado é unha lección para o presente”.
A continuación o graduado en Historia da arte, Adrián Flores, autor do primeiro artigo da revista, presentou o seu traballo:
“Se nos preguntásemos que icono ou imaxe representa mellor ao cristianismo, non habería dúbidas en afirmar que sería Cristo crucificado. No artigo “El crucificado jansenista del clérigo José Mª Padilla” presentamos unha destas imaxes, en especial a doada por Padilla del Águila á Catedral de Lugo no ano 1869 ao seu falecemento. Se nos paramos a mirar esta imaxe con detemento, poderemos con-amornar que as súas características o converten nunha peza especial e podémola distinguir doutros crucificados que teñamos visto. E é que as súas características o enmarcan nunha tipoloxía concreta, a dos crucificados xansenistas. A principal idea do xansenismo era a perda da graza, é dicir, que co pecado orixinal cometido por Adán e Eva no paraíso, a humanidade perdeu o privilexio de ser salvada por Deus e soamente os que actuasen coa graza eficaz, baseada nunha fe e nunha moral estrita, poderían ser salvados ao final das súas vidas”.
E pechou o acto Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que se referiu ao feito de que haxa novos estudosos: “é unha razón para a alegría, para nós e para a cidade de Lugo”. E sobre o número de Lvcensia que se presentaba comentou que “está moi envorcado na historia e en moi boa medida nos contextos a nós máis cercanos das nosas parroquias e da nosa arte eclesiástica. A vinculación coa arte eclesiástica e coa historia eclesiástica é natural en Lvcensia, pero é natural tamén na nosa tradición. É a nosa historia real, unha historia mesturada do propio das ciencias humanas e do propio das ciencias eclesiásticas”.