O salón de plenos do Concello acolleu o 1 de marzo a primeira parte do acto, no que tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o presidente da Deputación, Darío Campos e a xefa territorial de Política Social, Cristina Abades. No Concello o historiador Marcos Calles fixo unha exposición histórica sobre a orixe da Ofrenda.
Posteriormente trasladáronse á Catedral para inaugurar a exposición itinerante sobre a historia da Ofrenda, e o descubrimento da placa conmemorativa da efeméride.
As autoridades presentes destacaron os valores relixioso e cultural da cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento no Altar Maior da Catedral.
Mons. Alfonso Carrasco, agradeceu aos alcaldes das sete cidades que “manteñan viva esta tradición. É unha gran honra para a nosa Catedral, que o merece, pero iso non lle resta grandeza ao xesto […] testemuño dunha tradición constante, profunda e grande”.
Breve reseña histórica
O 1 de marzo de 1669 foi a data na que os representantes do Reino de Galicia e o cóengo da Catedral de Lugo, Juan Velo, asinaron a escritura do donativo de 30.000 ducados para a mellora da iluminación e culto do Santísimo Sacramento. Na sétima das 12 condicións que se inclúen na acta, establécese realizar anualmente na Catedral, o domingo da infraoitava de Corpus, unha cerimonia “para que se perpetue máis, o fervor, a devoción, e que se recoñeza ser feita dita dotación polo Reyno”, facendo a Ofrenda ao Santísimo Sacramento.
Desde ese momento realízase esta celebración na que, por quenda, realizan a Ofrenda os alcaldes representantes das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Santiago, Tui, Mondoñedo, Betanzos, Ourense e Lugo.