A Igrexa determinará os criterios de asignación de fondos propios destinados ás intervencións nos bens con valor cultural. Elaborará un programa anual de intervencións para realizar nos centros da súa titularidade, que deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas (patrimonio arquitectónico, patrimonio artístico, patrimonio documental e bibliográfico). Estableceranse tamén as prioridades para a distribución das achegas e intervencións por parte da Consellería, e fixaranse as condicións para o acceso e visita pública aos bens eclesiásticos, priorizando aqueles en que realizase ou poida realizar investimentos a Xunta.
Unha Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica asesorará sobre as medidas de seguridade dos bens culturais de titularidade da Igrexa Católica, e emitirá informes nos procedementos de declaración de bens de interese cultural (BIC) relativos a bens eclesiásticos, sobre traslados definitivos ou ben informes sobre proxectos de obras e intervencións que afecten os ditos bens.
Todos os proxectos de obras e intervencións de bens integrantes do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica de Galicia serán instados polos bispos respectivos e, para o caso de institutos de vida relixiosa, polo máximo representante da abadía, orde ou instituto. Pero no caso de intervencións nas parroquias, estas poderán seguir sendo instadas polos propios párrocos, aínda que a partir de agora deberán contar co visto e prace do bispado ou do superior da orde relixiosa para poder ser sometidas a informe da Comisión Mixta.
Así mesmo, as obras e intervencións de pequena entidade que non requiran proxecto só necesitarán autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. É o caso de intervencións que non afectan elementos estruturais nin supoñen alteración do volume, do deseño exterior, da cimentación, da estrutura, ou das condicións de habitalidade ou seguridade dos edificios.