Con frecuencia atopamos escritos nos xornais que falan da diminución dos curas e afirman que a Igrexa Católica se está quedando sen curas e que, por tanto, estes son unha especie en vías de extinción. Esta visión pesimista pode ser verdade se só ollamos o mundo que temos diante dos narices. Aquí imos mirar a realidade cunha perspectiva máis ampla:
1º. Na Igrexa Católica os curas non están en descenso, nin moito menos, pois se vemos o número de curas dos últimos anos temos que: en 1985 había 407.458 sacerdotes, no 2001 xa eran 409.716 e no 2012 pasouse a 418.550 polo que se refire a suma dos bispos, máis clero secular e clero regular.
Con estes datos, quen pode soster que se acaban os curas na Igrexa Católica? E iso que non incorporamos á suma os Diáconos Permanentes, nos que a súa evolución neses anos é: 12.541 en 1985, 29.204 en 2001 e 40.914 no 2012.
Si é verdade que a proporción dos cregos de ordes relixiosas (clero regular) diminuíu de 150.161 en 1985 a 138.619 no 2001 e 135.072 no 2012, pero o aumento do clero secular compensa e fai que o número total sexa maior. Isto dá para unha interesante reflexión que non hai espazo aquí para facer.
2º. Si é verdade que descendeu moito o clero na diocese lucense e tamén nas outras de Galicia. Pero non é menos certo que tamén está xa a descender a poboación, que centrándonos só na provincia de Lugo temos que en 1940 eramos 545.128 habitantes, en 1981 baixamos a 405.365 e no 2010 xa somos só 353.504 e menos mal que lles sumamos 14.176 inmigrantes estranxeiros.
Se non veñen moitos inmigrantes, ou non cambia radicalmente o comportamento da poboación aumentando a natalidade (cambio non esperable por agora) a poboación continuará descendendo e dada a idade dos lucenses no ano 2040 serán sobre 200.000 habitantes na provincia, pois ter menos de un fillo por muller supón reducir a menos da metade a poboación na seguinte xeración. Ante este suicidio progresivo da poboación lucense, para que van querer ter curas?
3º. Ós católicos no bautismo fáiselles a Unción co Santo Crisma, na que se pronuncian estas verbas: “…para que sexas membro de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei”. A condición de ser profetas é para todo bautizado na Igrexa, por tanto, tamén para os curas. Por iso penso que este descenso de cregos é un signo profético que avisa de que estamos nunha sociedade moribunda, camiño de desaparecer. Non deixa de ser unha advertencia profética á Igrexa e á sociedade por parte do Espírito de Cristo que chama a reverter esta situación e apuntarse á vida.
Se non se escoita e comprende este sinal profético, que polo menos haxa quen describa as características desta sociedade galega para que quede memoria dela. Tamén sería aconsellable que lle fixesen unha boa elexía e un bo obituario. Finalmente, que haxa quen lle poña un epitafio a esta sociedade rural lucense que existiu!.
Pero o Deus da Resurrección chama á vida e non ó sepulcro. Chama a que os laicos tamén exerzan a súa maioría de idade na Igrexa lucense como mesmo revelan estes datos globais da Igrexa Católica: No ano 1999 había 2.449.235 catequistas e no 2012 chegan a 3.125.235, o que supón un aumento de 675.576 e, polo que se refire a misioneiros laicos, pasouse de 80.622 a 381.722, o que supón un aumento de 301.060 laicos misioneiros, nin máis nin menos. Quen se apunta á Resurrección e ás consecuencias que se seguen dela?
Antón Negro