No último domingo de Advento aparece en escena a gran protagonista do misterio da Encarnación: A Virxe María. No Evanxeo deste domingo escoitaremos a pasaxe da Anunciación. O Anxo trae a noticia máis esperada de todos os tempos e María fíase de Deus.
Do “si” de María dependía a esperanza da humanidade. Se ela non aceptase o plan de Deus hoxe continuariamos vivindo nas tebras dun mundo sen esperanza máis aló da morte.
A entrega de María foi moi xenerosa. Renuncia aos seus plans e pensa máis nos demais que en si mesma. As consecuencias para ela coñecémolas: sen fogar, pobre e ver ao fillo das súas entranas sufrindo ata a morte. As consecuencias para nós, aínda que o esquezamos ás veces, tamén as coñecemos: a vida eterna que nos alcanza Xesucristo, o fillo de María.
Nunca lle agradeceremos abondo todo isto a María de Nazaret. Existen miles e miles de santuarios marianos por todo o mundo, pero a maioría das veces só acudimos a eles para pedir cousas para nós.
Cantas veces agradecemos a María o agasallo de facer posible a Boa Noticia da salvación que nos trouxo Xesús? Dito doutro xeito: cantas veces agradecemos a María o que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido?
E ela aí está: discreta, silenciosa, atenta. Xesús na cruz entregóunola como nai de todos:”aí tes ao teu fillo” díxolle a Xoán, que nos representaba a todos. E desde aquel momento todos pasamos a estar protexidos por este abrazo maternal todos os días da nosa vida.
Grazas, María. Grazas por darnos ao autor da Vida, Cristo, o Señor. Grazas polo teu consolo e protección maternal. Grazas, María, porque grazas a ti todo é posible.
Miguel Ángel Álvarez