A verdade faravos libres

As noticias vólvense cada máis frenéticas e, aínda que dicimos moitas veces que nada nos sorprende e que estamos curados de espantos, non é así. Sempre se pode ir a máis e as previsións permanentemente vense superadas por cousas que nos asombran.

O que non comprendo é o pouco ou nada que se respectan as ideas dos demais nesta sociedade que se autodefine como “plural”. O que estamos a ver estes días despois dos resultados de Vox nas eleccións ao parlamento andaluz parece que contradi esa pluralidade da que tanto se fala agora. E hai máis casos rechamantes, sobre todo de contramanifestacións, tamén con ataques de violencia física incluídos e, xa non digamos, verbal.

Na miña liberdade, mentres non se me impida por imperativo legal, permítome desconfiar daqueles que só teñen como principal argumento para defender as súas ideas, os ataques físicos e verbais aos que non pensen como eles. Cando non podemos convencer aos demais co testemuño de nosa propia vida, dificilmente ímolo facer doutra forma.

Cando penso nestas cousas lembro as palabras de Xesucristo cando nos advirte de que “a verdade faravos libres” (Xn 8, 32) e que serviron para titular infinidade de artigos, tamén este.

Sabémolo ben. Cando mentimos volvémonos escravos da nosa propia mentira, que nos levará a mentir máis e máis para non ser descubertos.

Non é libre o que quere impor á forza as súas ideas, o seu proxecto de vida ou de sociedade. Non é libre o que nos quere facer comungar a todos co seu “pensamento único”.

A verdade deféndese soa. A verdade non necesita argumentos nin escusas baratas. A verdade leva á vista o seu selo de garantía.

Entendo que ninguén pon en dúbida o valor do verdadeiro. Gústanos tratar con persoas sinceras e que son de fiar. Con todo, a realidade é outra e os atentados á verdade son cada máis frecuentes, polo que a desconfianza empeza a apoderarse de nós.

Pode ser que, a estas alturas da historia da humanidade, necesitemos buscar a axuda do autor da verdade, de Xesucristo, o mesmo que nos dixo que “a verdade faravos libres”.

Cando se perde a referencia á “Verdade Absoluta” volvémonos fanáticos das nosas pequenas verdades. Iso no mellor dos casos. Porque, o máis habitual é que tentemos converter aos demais en presos das nosas mentiras.

A presenza de Xesucristo: “Eu son o camiño e a verdade e a vida” (Xn 14, 6) é máis necesaria que nunca. O pecado de Adán e Eva foi querer ser máis que Deus e ocupar o seu lugar. O pecado do mundo actual é exactamente o mesmo: elevar a unha categoría tal o noso propio criterio que non se permita que haxa nada nin ninguén máis por encima. Pero a historia xa demostrou demasiadas veces que as persoas podemos ser bos humanos, pero moi malos deuses.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo en castelán]

Imaxe: cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: