O Xoves Santo comezamos as celebracións anuais da Pascua do Señor, aínda que en realidade xa as comezamos o domingo anterior coa bendición dos Ramos e a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. O que facemos en Semana Santa non é nada distinto ao que celebramos calquera domingo do ano: o misterio da morte e resurrección de Xesucristo. A diferenza está en que o facemos en tres días e, se cabe, con máis consciencia.
Sen dúbida é a “Semana Grande” dos cristiáns. Neste tempo teremos a ocasión de refacer o camiño da cruz e revivir a alegría pascual dunha forma singular. A iso axudarannos as celebracións, procesións e devocións destes días. Detrás de cada imaxe, paso, símbolo ou xesto está a presenza de Cristo entregado ata a morte e resucitado para a nosa salvación.
Pídesenos pouco a cambio de moito. Veremos a Cristo dándoo todo, ata a última pinga do seu sangue, para que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido.
As celebracións anuais da Pascua do Señor son, ademais, unha ocasión para actualizar a nosa fe e aplicar unha carga extra ás nosas baterías que nos permita vivir un ano de graza do Señor.
Miguel Ángel Álvarez