Fai unha semana estabamos a piques de comezar os días grandes da Semana Santa. E fai só tres días celebrabamos a Resurrección de Xesucristo, pero parece que todo sucedeu o mes pasado e todas as boas intencións da Coresma xa se esvaeceron.
Con todo, esta semana e todo o tempo pascual que temos por diante supera en importancia á Semana Santa, aínda que non haxa procesións e celebracións especiais. Durante cincuenta días estamos chamados a celebrar a resurrección de Xesucristo solemnemente, o mesmo que durante todo o ano facemos os domingos de forma máis ordinaria.
Non é para menos, xa que o acontecemento da resurrección é o que dá sentido á nosa fe, á nosa vida e á nosa morte. É coñecida a cita de San Paulo «Se Cristo non resucitase baleira sería a nosa fe» (1 Cor 15, 14). Xa sabemos que a paixón é o camiño que conduce á resurrección, pero o sepulcro baleiro constitúe a proba definitiva de que estamos ante Deus.
O encontro con Xesucristo resucitado é decisivo para a nosa fe. Sen esta experiencia ou sen a consciencia de que seguimos a Xesucristo resucitado estamos perdendo o tempo.
Durante as lecturas bíblicas da Cincuentena Pascual van ir aparecendo persoas que se atoparon con Xesucristo resucitado: Pedro, Xoán, Tomé, María Madalena, os dous de Emaús etc. Todos eles tiveron as súas dúbidas e dificultades, pero a súa perseveranza no desexo de non perder ao Señor fíxolles atoparse con el e recoñecelo resucitado. A fe é un don, escoitámolo moitas veces. Pero iso non impide que nós nos movamos cunha actitude de procura da Verdade, usando todas as ferramentas que temos ao noso alcance e poñendo niso todo o esforzo e a oración da que sexamos capaces.
Feliz Pascua de Resurrección!
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Orixinal: falandobaixiño.es