Relixión significa relación da divindade cos homes, e dos homes con Deus.
A historia sagrada comezou así: Deus chama a Abraham, cuxos proxenitores servían aos deuses pagáns no país de Caldea, e promételle unha terra propia e unha descendencia numerosa. Abraham cre a Deus e fíase da promesa que lle fai. Así se estrean as relacións de Iavé co seu pobo.
Deus desexa que o home viva en comuñón con el, e proponlle un pacto de alianza. Parece coma se tomase exemplo dos costumes sociais en uso nos tempos primitivos. Os pactos de axuda eran frecuentes nas xeracións contemporáneas de Abraham. Cando xurdían litixios grupais, o máis débil pedía ao máis forte que lle dese protección, e este prometíalla mediante un pacto, cuxas condicións asinaban ambos os contendentes. O ritual deste convenio, chamado alianza, consistía en sacrificar un animal e descortizalo, e os contendentes proferían improperios contra o que fose infiel ao prometido na alianza pactada entre ambas as partes.
Concluído o pacto, na arca da alianza gardábanse as táboas da lei, como testemuño do acordado, e plantábase unha árbore ou se fixaba unha mouteira de pedra, lembrando o lugar onde aquilo se asinou. Deste xeito oficializáronse as relacións de Deus co pobo de Israel. Con todo, o pacto de Deus cos homes, ten unha particularidade única: a diferenza abismal entre a grandeza e a bondade do Creador e as limitacións humanas. Uns pobos procuraban aliarse con outros buscando protexerse contra un terceiro. Non era así o comportamento de Deus. Este prometía protección ao seu pobo, como nos lembra a historia sagrada. Pero, tanto nun caso como no outro, ambos comprometíanse a ser fieis ao acordado. Compromiso que Israel non sempre cumpriu, de tal maneira que Deus tivo que imporlle repetidos correctivos pola súa infidelidade: ruína de Xerusalén, catividade a que se viu sometido o pobo nalgunhas ocasións, dispersión dos israelitas. Con todo, a fidelidade de Iavé mantívose inamovible e houbo periódicas renovacións do rito da antiga alianza, como aquela na que participou Moisés no monte Sinaí.
Con este rito aliancista do Sinaí, Deus demostra que o seu plan é facer un pobo que o adore só a el. Este plan maniféstao o Señor nos seguintes termos: “se observades a miña alianza, eu serei o voso Deus, e vós seredes o meu pobo”. Pero a historia repítese, e as limitacións humanas continúan tamén na Igrexa, que é divina e humana. Isto sábeo o Señor, polo cal actuando coa pedagoxía de sempre, quere que se repitan periodicamente ritos aliancistas, lembrando aos israelitas os compromisos das alianzas pasadas, por iso é polo que nestes tempos de decadencia relixiosa, pida á Igrexa que tamén ela se revise, para detectar as súas posibles carencias, e poder emendalas. Esta é a finalidade do Sínodo convocado polo Papa Francisco. A esta acción eclesial estamos convidados todos para que, iluminados pola luz do Espírito Santo podamos ver o que falla na nosa vida persoal, e tamén na nosa sociedade; e, unha vez diagnosticadas as causas da actual crise de fe, decidámonos a combatelas con todas as nosas forzas.
Sumémonos todos a este proceso renovador, posto que todos somos Igrexa, e debemos colaborar na súa misión social e evanxelizadora.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral