Xa sabemos como está o do coronavirus. Vai facer un ano e xa ninguén se aventura a pór unha data na que poidamos vivir con certa tranquilidade. O que pensamos que ía ser cousa de quince días vemos como se prolonga máis e máis.
Todo isto fixo que tivésemos que migrar moitas cousas da vida ordinaria das parroquias á realidade virtual. Moitas desas cousas quedarán xa para sempre.
Algúns me din de broma (ou en serio) que agora xa se pode facer todo por internet e que xa non se necesita ter estruturas físicas, como as dun templo ou un salón parroquial.
Imos ver. Hai cousas que se poden facer por internet igual ou mellor que de forma presencial, como poden ser unhas sesións de formación ou encontros de reflexión. Pero hai outras, como é a celebración da Eucaristía que é só unha cura de urxencia, pero nada máis. Asistir só a misa por internet ou televisión, fóra dos enfermos e impedidos, é como pretender alimentar o noso corpo vendo programas de cociña nos medios de comunicación.
Comulgar é comer o corpo de Cristo cando se está en comuñón con Deus (estar en graza de Deus) e con todos os cristiáns. Comer é comer, non ver a comida nunha pantalla nin tampouco vela no prato e despois non comela, que é o que fai moita xente que vén a misa. Por iso, tampouco ten moito sentido celebrar a misa nunha comunidade na que non comulga ninguén, cousa que pasa moito ultimamente, sobre todo nos funerais.
En calquera caso, o que si podemos facer durante todo este tempo, que se prognostica longo, é aproveitar todos estes encontros virtuais, pero reais, que se nos ofrecen de xeitoo abundante. Son, sen dúbida, unha ocasión moi boa para formarnos na fe e atoparnos con outros cristiáns que buscan o mesmo ca nós en calquera lugar do mundo. Despois, cando todo isto pase se Deus quere, xa teremos ocasión de atoparnos de forma presencial, a poder ser, xa máis formados e cunha fe máis adulta.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada