Unha cousa é celebrar o aniversario do nacemento propio e outra é celebrar o aniversario do nacemento dun personaxe histórico. Normalmente esta última celebración vén derivada do percorrido persoal do personaxe. Primeiro celébrase a fazaña ou o fito da súa vida e nun segundo momento interrógase sobre as súas orixes. O exemplo témolo en Xesús de Nazaret. O importante era o trascendente dos seus actos máis que a súa orixe. Non será ata o século IV cando preocupe fixar un día para conmemorar a súa vinda ó mundo en carne mortal. Desa maneira remarcábase o seu ser home fronte a aqueles que negaban a súa humanidade. Ata aquel momento importaba máis a repercusión que tivo na humanidade e no modo en como a salvación se realizaba que reparar no feito que aquel home, fillo de Deus, fose un home de verdade e polo tanto tiña que haber un nacemento no tempo e nun espazo determinado. Profundízase entón nas súas orixes, na súa historia.
Debemos ter en conta dúas datas importantes para o cristianismo: o 313, no que Constantino decreta a liberdade de culto por medio do edicto de Milán e o ano 375 no que o emperador Teodosio proclama o cristianismo como relixión oficial do Imperio. Que se declarase a liberdade de culto implicaba que o cristianismo xa non era perseguido e polo tanto pasamos a unha época de permisividade. A relixión cristiá atopou en Constantino un aliado e viu florecer ó longo da cidade basílicas, que foron construídas ás veces sobre templos pagáns. Desta época é a construcción da basílica de Anastasia – entre outras – situada no monte Palatino, onde se erguían os palacios imperiais, que recibe o nome pola media irmá de Constantino, Anastasia, e antepónselle Santa cando reciben unhas reliquias recibidas da Panonia a través de Constantinopla.
Paralelamente a esta actividade constructiva de templos cristiáns vanse fixando datas importantes que perduran ata os nosos días: a Pascua, fixada no ano 325 no concilio de Nicea e a data do nacemento de Cristo, fixada tamén no século IV. Escoller o 25 de decembro como data do nacemento de Cristo vén determinada por unha festa pagá, as Saturnalias, o día do Sol Invicto, o día no que xa se percibe un aumento da luz solar. Baléirase de contido pagán esta data e énchese de contido cristián, situando nese día o nacemento de Cristo. Cristo- Sol invicto ou Cristo-Helios así o representan nos scavi de San Pedro do Vaticano, que son as escavacións arqueolóxicas visitables da basílica de San Pedro. Esa data aparece reflectida por primeira vez no calendario de Filocalo, na súa Depositio Martyrum, ó redor do ano 336 d. C.
E o cómo se celebra sabémolo polo apunte do ano 363 d. C. no que se recolle que en Santa Anastasia se celebraba a segunda misa antes de romper o día, precedida pola celebración en Santa María Maior da misa de medianoite e seguida da terceira misa celebrada na basílica de San Pedro ó mencer. Quen celebraba ese ano era o Papa Sixto III. Dáse a casualidade que os palacios imperiais e a basílica de Santa Anastasia están situados no lugar onde a tradición romana falaba do amamantamento de Rómulo e Remo pola loba. Esa conclusión vén dada polas recentes escavacións arqueolóxicas, nas cales se atopou o Lupercal ou santuario adicado á Loba Capitolina a 16 metros de profundidade debaixo da basílica de Santa Anastasia. Constatamos así que o cristianismo aproveitou nos tempos primeiros os elementos pagáns para darlles un novo contido, respetándoos pero dándolles un novo significado. Dito doutra maneira, utilizou os elementos que tiña ó seu alcance para facer chegar a súa mensaxe de salvación.
Óscar González Murado
Director do Arquivo Diocesano