Hai uns días quixen chamar a atención sobre a utilización do nome de Deus na modernidade. Un tempo que descobre como un dos vectores determinantes unha praxe social que busca a liberdade, o pan e a xustiza para todos os seres humanos, debe atopar tamén aí, de forma privilexiada, a presenza de Deus. Presente na creación, en moitos signos emanados da realidade externa que nos rodea e no máis íntimo da interioridade humana, Deus ten o seu santuario irradiante na acción da historia que debemos aprender a divisar na súa presenza sustentadora. A teoloxía actual expresa magníficamente o renacer desta sensibilidade cando se refire á identidade entre o amor a Deus e ao próximo. Se “Deus é amor”, e o é, resulta obvio que a súa presenza, ás veces invisible, faise visible nas realidades da historia, alí onde o amor adquire a súa identidade, no amor interhumano. Se existe algunha institución con historia é a Igrexa. E esta non se entende sen Cristo e ao revés, acceder a Cristo á marxe da Igrexa non é o máis correcto e natural. Explicábao moi ben nunha publicación titulada Cristo si, Igrexa tamén, o actual presidente da Conferencia Episcopal Española, o Cardeal Ricardo Blázquez e San Xoán Paulo II que proclamaba aos catro ventos esta rotunda afirmación fronte ao slogan que pretende aínda impoñerse nalgúns ámbitos: “Cristo si; Igrexa non”.
Na solemnidade da Ascensión do Señor, a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Comunicacións Cociais, e o lema escollido para este ano é “comunicación e misericordia, un encontro fecundo”. No ano 2016 cúmprense cincuenta anos de Xornadas para celebrar, recordar e animar a presenza de Deus, da Igrexa e dos cristiáns no mundo das comunicacións sociais. E sobre todo, o papel da comunicación na misión da Igrexa que consiste fundamentalmente no anuncio dunha Boa Noticia (ese é o significado de Evanxeo): Xesucristo é o Señor, o Deus que salva na súa misericordia infinita.
Xunto á presenza ignorada de Deus no mundo, no corazón mesmo da misión evanxelizadora da Igrexa está o anuncio dun Deus que se dignou achegarse tanto ao ser humano que se encarnou na historia para redimila. O contexto do Ano da Misericordia é o mellor ambiente para que a comunicación entre as persoas sexa eficaz e dea froito: achegarse ao corazón do outro desde a humildade e a sencillez, desde a escoita e a acollida. O Papa Francisco, con motivo desta Xornada afirma que “non é a tecnoloxía a que determina se a comunicación é auténtica ou non, senón o corazón do home e a súa capacidade para usar ben os medios á súa disposición. A contorna dixital é unha praza, un lugar de encontro, onde se pode acariñar ou ferir, ter unha proveitosa discusión ou un linchamento moral”. O Papa ten razón porque non se pode escribir ou emitir só en función do índice de audiencia, ou recorrer ao dereito indiscriminado de información sen ter en conta os demais dereitos da persoa. Non hai nada, que poida, por fascinante que sexa, escribirse, realizarse ou emitirse en prexuízo da verdade. Desgraciadamente, quizá sexa isto pedir demasiado a quen só conciben os medios para obter beneficios económicos sen consideracións morais, educativas ou culturais. Pero polo menos, é bo recordalo.
Mario Vázquez Carballo