A Pascua é verdade. Verdade é a conformidade do que se di e a realidade. Os Evanxeos dinnos que a tumba de Cristo está baleira; que Cristo venceu a morte; que Cristo resucitou.
Xesús dixo: “Eu son a verdade”. Todo o de Xesús é verdade: é verdade que é Deus. É verdade que é home. É verdade que se encarnou por nós. Que nos amou até o extremo. É verdade que foi crucificado, morto e sepulto. Tras o seu enterramento, o sepulcro está baleiro. Así o viron as santas mulleres que trataban de recoller o cadáver do seu Mestre. É verdade que vivo, apareceuse aos Apóstolos. Díxolle a Tomé: “mete as túas mans nas miñas chagas”. É verdade que acompañou a dous dos seus discípulos camiño de Emaús.
Está claro que Xesús, que morrera na cruz, agora vive. Entón non hai dúbida de que resucitou.
A Pascua é garantía de verdade para nós. A resurrección de Cristo é garantía das marabillas realizadas por Deus en nós: é garantía de que estamos elevados á orde sobrenatural; de que somos membros vivos de Cristo resucitado; é garantía de que tamén nós estamos chamados a resucitar. A Pascua é esixencia de verdade en nós: que sexa verdade a nosa transformación en homes novos; que sexa verdadeira nosa filiación divina; que sexa auténtica a nosa fraternidade cristiá. A resurrección é, sobre todo, motivo para que o mundo chegue a ser Reino de Deus, mediante a convención dos homes, á que nos convidou Xesús nas vodas de Canaán de Galilea
A Pascua é amor. Verdade e amor son dúas realidades que se complementan: case se identifican. O amor realízase na verdade, e a verdade vívese no amor. Isto vese claro na Pascua de Xesús. Na forza do seu amor divino “pasou do seo do pai ao seo da nosa sociedade pecadora”. Na forza do seu inmenso amor aos homes “pasa deste mundo ao pai”. Na forza do seu amor compasivo, faise igual a nós en todo, menos no pecado. Na forza do seu amor misericordioso, perdoa aos que se arrepinten, e pasa a morar nos seus corazóns. Na forza do seu amor de amigo, queda na Eucaristía, para recibir a nosa adoración e para escoitar as nosas confidencias; para ser o noso compañeiro de viaxe, e sobre todo, para repousar sacramentalmente nos nosos corazóns.
Iso é a verdade: vivir no amor. Todo o que nos pide Deus é que o amemos a El, e que amemos a todos os que El ama.
O amor é o único valor absoluto, que relativiza todos os demais valores da nosa vida cristiá. O que fai grande unha vida, son os quilates de amor que entran na súa aliaxe.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral