O 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a parroquia lucense de Albeiros, que ten esa advocación, celebra os 60 anos como parroquia independente. O devandito día ás 12 h o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco presidirá a Eucaristía, que concelebrarán os párrocos da cidade de Lugo. Estará presente a alcaldesa Lara Méndez.
Unha das parroquias con que contaba a cidade de Lugo hai 60 anos era a de S. Froilán, que tiña como anexo S. Lourenzo de Albeiros pero foi erixida como única e independente hai 6 décadas.
Primeiros tiempos (tomado do artigo de Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45, páxs. 351-360)
“O día 17 de novembro de 1961 fanse públicos os nomeamentos de D. Antonio Luis Soto Camino como párroco e de D. Constantino Vázquez Díaz como coadxutor. E o día 2 de decembro toman posesión dos seus cargos.
“En S. Lourenzo de Albeiros contábase cun templo pequeno e pouco centrado que seguiu utilizándose como único templo até a construción da nova igrexa. Xestionadas polo bispo D. Antonio Ona de Echave, a parroquia recibe unha subvención de 1.500.000 pesetas, con vistas á construción dunha nova igrexa. Cómprase un solar duns 5.000 metros cadrados por valor de catrocentas mil pesetas, o 30 de marzo de 1963. O proxecto da obra é encargado a D. Efrén García Fernández, arquitecto xefe de León e máis tarde de Oviedo. Como contratistas contrátase á Empresa de D. Severino Martínez e D. Heriberto Pozo. O aparellador será D. Rafael Serrano, que o era de Facenda naquel momento. As obras comezaron a bo ritmo, pero, ao faltar diñeiro, retárdanse e até se paralizan uns anos ata que en 1984 procédese á bendición do novo templo por parte do Vigairo Xeral, D. José Julio Quindós Pardo.
“As obras da igrexa, vivenda para dous sacerdotes e salón parroquial foron custeadas coa subvención xa citada, con donativos particulares, dalgunhas entidades, Caixas de Aforro, empresas e industrias da parroquia e Deputación Provincial.
“A imaxe de Cristo Resucitado, obra do artista xixonés Urresti, é un agasallo do Grupo Lixeiro de Cabalaría.
“A nova parroquia de S. Lourenzo de Albeiros comezou a súa andaina en 1962 con 2.100 fregueses”. (Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45)