A Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, instaurada no ano 1669, é unha das celebracións de maior antigüidade das que se conservan en Galicia. Memoria viva dunha realidade política e xeográfica desaparecida no século XIX. Un acto que conxuga ó ámbito eclesiástico e civil no domingo seguinte a festividade de Corpus Christi, e que converte a Lugo e a súa Catedral, na capital do Reino, realizada da mesma maneira dende fai mais de 350 anos.
Ante o Santísimo Sacramento, na cidade mais antiga do Reino, reúnense ós representantes das antigas capitais: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui; onde cada representante realiza a ofrenda que logo é respondida polo bispo da diocese correspondente, nun turno instaurado polo bispo Frai Plácido Rey Lemos no século XX.
A Ofrenda ten un claro sentido relixioso que tamén abrangue diversas manifestacións e símbolos da nosa cultura. A fe na presenza real de Cristo na Eucaristía e a súa Exposición permanente no Altar Maior da Catedral fálanos de como a fe cristiá vertebrou o noso pobo. Tamén é un ben patrimonial recoñecido públicamente no que concorren unha serie de factores como son unha historia colectiva, uns recordos, uns valores, en definitiva, unha memoria cultural e un sentimento profundo do que somos e do que temos loitado por avanzar que hoxe, nunha sociedade intercultural, non perde valor senon que esa mesma fe quere contribuir a cohesión e o progreso da Galicia actual.
A Ofrenda do Reino de Galicia comeza o seu camiño administrativo cara a declaración de ben de interese cultural inmaterial, o grao de protección mais alto que recolle a actual de lei do patrimonio cultural, e reservado para os bens mais representativos: bens únicos e senlleiros da nosa cultura.
Esta incoación comprométenos, aínda mais, na súa custodia, conservación, protección e promoción. Para a Diocese de Lugo e a súa Catedral, coidar a Exposición permanente do Santísimo Sacramento seguirá sendo primordial como o foi ao longo da súa historia. Por iso debemos recoñecer o papel da Catedral e o seu Cabido, da Diocese de Lugo, das confrarías, dos adoradores, das parroquias e tamén das capitais do Reino e das súas corporacións e alcaldes; de tantas persoas que foron e son parte desta realidade da Ofrenda.
Este camiño cara a súa declaración como ben de interese cultural segue. Unha ambición que naceu no seo do Centro Eucarístico Lucense hai xa oito anos e que con motivo da celebración dos 350 anos da Ofrenda no 2019 recibiu un gran pulo. Hoxe vese materializado na incoación do seu expediente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que dende o principio foi consciente do valor e importancia da Ofrenda e do seu carácter sobranceiro.
Son moitas as persoas que, dun xeito ou doutro, traballaron ó longo deste tempo pola Ofrenda e seguen a traballar en promover e difundir o patrimonio cultural nesta Galicia nosa.
Jesús Salvador López
Director do Departamento de Patrimonio Histórico Artístico da Diocese de Lugo