Educación. Como profe -desde hai pouco tempo- e como director pedagóxico -desde hai aínda menos tempo- quero hoxe falar deste tema. Desde que viñen a este mundo pasaron xa seis leis de educación. E como todo nesta vida: teñen os seus puntos positivos e negativos.
Con esta última normativa o primeiro que constato é que se equivocaron nos tempos; levamos semanas agardando decretos que regulen as etapas, claridade sobre as materias, como se configurará o vindeiro curso… E isto é unha mala planificación, sen máis. Aquí todos esperando a que sucedan as cousas. Se nos avisaron, sacabamos flocos de millo e sentabamos no sofá. Pretenderán que fagamos todo de présa e correndo. Se é que se ve vir…
A min non me importa moito que non haxa cualificación numérica final dunha materia, pero si que é un erro o tema da obtención do título da ESO. Que hai que maquillar cifras e que o abandono/fracaso escolar non sexa visible. O que debería quedar claro é que temos uns cocientes altísimos, nenos e adolescentes con dificultades para concentrarse e falta de madurez moi grandes, sen capacidade de xestión emocional, con problemas familiares moi gordos, moitos trastornos e enfermidades presentes, etc. Faltan recursos, faltan medios… Eu estou nun cole “pequeno” en canto a alumnos, pero grande en posibilidades, onde é máis doado acompañalos, coidalos, que crezan en todas as súas dimensións. É dicir, vendo esta realidade concreta e sabendo como é a situación doutros colexios, o que queda claro é que esta lei só vai de números, non de persoas. Segue importando máis o informe PISA que poder axudar aos nosos alumnos a crecer e formarse de maneira axeitada.
E falando de números, noto que as letras deixan paso á ciencia. Cada vez se afasta máis as humanidades, o pensamento, a razón, a historia… e iso é o que nos fixo grandes na historia! Porque un pobo só crece cando os seus cidadáns crecen, razoan e reflexionan sobre a súa vida e outros tantos temas. O demais é vivir detrás dunha masa, sendo un número.
E, por último, esta lei fala de esforzo por parte do alumno (disposición final primeira, artigo sexto, punto 4), mentres que o esforzo é o único que parece que non importa. Un paradoxo redondo, potenciando o que en verdade non fai falta.
Esta é a miña opinión. Moi reducida, moi pouco profundada neste lugar, con puntos positivos que vexo na lei, pero con máis desacertos e présas que outra cousa.
O peor: que todos esperamos a seguinte lei. Esa é a mentalidade que xeraron en nós, que isto sempre acaba sendo transitorio, cando é un dos elementos fundamentais da vida e crecemento da sociedade.
Nicolás Susena