A nosa fe no Señor Xesús é verdadeira

Queridos irmáns,

nestes días, en que a nosa vida acostumada cambia como consecuencia desta crise sanitaria (as actividades detéñense, afectando mesmo ao traballo cotián, espértase a conciencia de nosa propia fraxilidade pola proximidade da enfermidade a todos, etc.), as esixencias fundamentais do corazón, as nosas responsabilidades para cos nosos seres queridos, o próximo e toda a sociedade, seguen sendo as mesmas.

Todos seguimos sendo fillos de Deus, a cuxa Providencia paterna podemos confiarnos, certos do seu amor misericordioso. Toda a nosa fe no Señor Xesús segue sendo verdadeira e fonte de esperanza. Por iso acollemos de corazón a vida, coas súas tarefas, tamén nestas circunstancias, e non tememos a morte.

Estas certezas que nos fan ser quen somos, que sosteñen ás nosas persoas, deben estar estes días particularmente vivas e conscientes. Non cesou a esperanza, aínda que estivésemos enfermos nós mesmos ou os nosos seres queridos, nin tampouco quedou sen vixencia o amor ao próximo, a nosa responsabilidade máis verdadeira.

Somos familia de Deus, somos Igrexa súa, vivimos unidos ao seu Fillo, como irmáns, baixo o amparo da Nai de Deus e Nai nosa, María Santísima. Isto non é posto en cuestión de ningunha maneira polas medidas que adoptamos recentemente os bispos da nosa provincia eclesiástica.

A Santa Misa seguirá celebrándose todos os días e ofreceremos ao Pai o sacrificio do seu Fillo Xesucristo pola salvación do seu pobo, pola saúde dos enfermos, por quen os coidan e pola liberación da nosa sociedade desta pandemia que agora nos afecta.

Seguindo as indicacións das autoridades suspendemos as celebracións litúrxicas públicas -por exemplo, as Misas parroquiais-. En efecto, non podemos nós convocar e reunir ao noso pobo cando se nos pediu a todos o contrario para limitar a expansión do virus. Ofrezamos ao Señor este sacrificio, motivado polo amor ao próximo e non pola falta de piedade; e usemos os instrumentos que a Igrexa nos ofrece: seguir as celebracións polos medios audiovisuais e practicar a “comuñón espiritual”, na que, realizada con verdade, atópanse os froitos propios do sacramento da Eucaristía. Nas nosas parroquias poderemos atopar información e axuda para todo iso.

A necesidade momentánea de evitar congregar ao Pobo nos nosos templos agudízase no caso dos chamados «grupos de risco». Aquelas persoas que teñen problemas respiratorios ou febre, evidentemente xa non poden participar en celebracións en espazos pechados, pero tampouco aqueles que correrían máis risco en caso de infección: persoas de máis de 70 anos ou con patoloxías previas de certa gravidade. Así nolo indican as autoridades sanitarias e eu querería pedirvos este sacrificio a todos.

Isto aplícase tamén, por suposto, aos sacerdotes: seguide esta mesma recomendación! A vosa saúde importa moito ao Pobo de Deus que peregrina na nosa Diocese.

Por outra banda, nesta situación é moi importante que ninguén se considere só ou desamparado e que os cristiáns, a pesar de non vernos nas igrexas, manteñámonos unidos como familia que somos. Renovemos esta certeza de ser un único corpo en Cristo e procuremos que ningunha persoa maior, enferma ou pobre, se vexa soa ou abandonada.

Aos sacerdotes convídoos a intensificar a oración e a celebrar diariamente a Santa Misa, aínda que esta deba ser sen pobo. Igualmente propóñolles que cada un destes días, ás doce da mañá, teñan un momento de oración ante o Santísimo pedindo polos enfermos, o persoal sanitario, as autoridades civís e por todas as persoas que seguen prestando servizo para o ben de todos. Sería bo, irmáns sacerdotes, que, dentro das vosas posibilidades, fixésedes resoar as campás da igrexa principal a esa hora, para que o pobo saiba que nese momento, en toda a nosa Diocese, os crentes, cada un desde a súa casa, unímonos nunha oración de súplica a Deus.

Neste mesmo sentido, convido a todos os fieis a unirse á iniciativa xa tomada nas dioceses galegas irmás, que propuxeron o rezo común do Santo Rosario nos nosos fogares ás oito da tarde.

Serán xestos útiles tamén para lembrarnos que estamos unidos nestas circunstancias, que somos comunidade, parroquia e Igrexa do Señor máis aló de paredes e separacións circunstanciais.

Todos estamos pendentes da evolución desta difícil situación. Pero en todos os casos, ademais de seguir as indicacións das nosas autoridades, convídovos: usemos os instrumentos que temos a disposición; sigamos preto das nosas parroquias e uns doutros; aproveitemos para renovar a fe no noso Señor, a nosa conciencia de que as nosas vidas están nas súas mans.

Encomendemos confiadamente á nosa Nai a Virxe os nosos sufrimentos e inquietudes, pedíndolle que sexa agora e sempre avogada nosa.

Nai do Ceo, ti brillas

como signo de consolo e de firme esperanza.

Nas túas mans poñemos a nosa vida

confiando na túa materna protección.

Contigo e en nome de Xesús, o Fillo de Deus,

elevamos a nosa humilde oración ao Pai

e pedimos polos enfermos,

polos que están sós

e por todos os que nestes días

entregan a súa vida a favor de todos.

María, Saúde dos enfermos,

volve cara a nós os teus ollos misericordiosos,

atende as nosas súplicas e protéxenos de todo mal.

Amén.

Co meu afecto e bendición,

+Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo

14 de marzo de 2020

[Texto en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: