Durante estes últimos días de xaneiro e primeiros de febreiro está participando na Campaña contra a Fame de Mans Unidas – Lugo Rosa María de los Reyes, misioneira mercedaria de Berriz. Vive en Mbuji-Mayi, cidade da República Democrática do Congo, país sobre o que di:
“Hai 8.000 km de distancia, pero é como ir dun planeta a outro. Nos países do Norte un neno non está sacando diamantes dun pozo que pode afundirse e acabar coa vida da criatura. No Congo é moeda corrente, xa sexa buscando coltán, cobalto, diamantes, ouro…”
Ademais dunha crise humana hai unha crise ambiental:
“En África son de plástico os vasos, os pratos, as cadeiras, as mesas… Hai pequenas fábricas que venden moito material de plástico, que non é biodegradable e que rompe con facilidade, Entón desbótase e está acumulándose de xeito moi esaxerado; a terra está completamente invadida polos plásticos. Hai que facer algo pois a contaminación do solo é moi forte e o impacto sobre a poboación tamén é grande. A isto únese que dos países do Norte chegan a África coches vellos, autobuses vellos, todo así, polo que ao continente negro vai o máis contaminante.”
E sobre o labor de Mans Unidas fala Rosa Mª de los Reyes con gran coñecemento, pois ela mesma foi avalista de varios proxectos, por exemplo:
“Montouse en Mbuji-Mayi coa axuda de Mans Unidas un centro de saúde para a infancia. A maioría dos nenos atendidos teñen febres tifoideas recorrentes, malarias recorrentes, problemas de saúde mental, discapacidades físicas moi fortes. Son nenos que non poden facerse un sitio nunha sociedade tan dura e acaban na rúa. O primeiro que reciben os nenos que chegan constantemente é unha atención sanitaria; saben que poden curar”.
Rosa Mª de los Reyes impartirá unha conferencia no Seminario de Lugo o luns 3 de febreiro ás 20 h.