O mércores pasado tiven a ocasión de asistir á Capela Universitaria e acompañar aos mozos que, cada semana, reúnense alí para celebrar a Eucaristía e facer un intre de oración persoal diante de Xesús Sacramentado. Facía tempo que tiña intención de ir, pero a última hora sempre aparecía algunha escusa que mo impedía e outras veces era a preguiza quen gañaba a batalla.
Atopei o que me esperaba. Grazas ás redes sociais xa seguía as súas actividades e por iso sabía como respiraba este grupo de estudantes e outros amigos da Delegación de Mocidade. É verdade que faltaban moitos dos que van outros mércores, pero iso non restou intensidade a este encontro semanal. Nin que dicir ten que me sentín moi ben acollido. Onde hai cristiáns un séntese sempre en casa.
Sen présa e moitísimo recollemento celebramos a Santa Misa. Despois, como vos dicía, a Adoración Eucarística, que foi o que máis me impresionou. Todo ás escuras, só un foco aceso e alumando directamente ao Señor na custodia, e máis silencio e máis recollemento… Unha fina columna de fume de incenso que se elevaba cara ao ceo axudábanos a estar máis cerca do Amigo que nunca falla e que nunca aparta a súa mirada dos nosos ollos.
Sei que algúns membros da Capela Universitaria len estas liñas, o mesmo que o delegado de pastoral xuvenil e universitaria, José Antonio Adrio. Por iso, desde aquí animo a que sigan con esta obra que é unha gran riqueza para a cidade e para eles mesmos. Prometo acompañalos máis días, pois tamén necesito alimentarme da paz do Señor que alí se respira.
Aínda que se chama “universitaria”, todos os que o desexen poden asistir a esta oración comunitaria semanal. Está pensado para os mozos, pero tamén se acolle e agradécese a presenza dos que son “mozos de máis anos”: 30, 40, 50, 60… ata 100 e pico. A experiencia non defrauda.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco de San Froilán